Presas anima a facer historia co 1º escano do BNG por Ourense para blindar e conquistar novos dereitos fronte á onda reaccionaria

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Reivindica o BNG como a alternativa política garante na conquista de dereitos e coloque Ourense no centro das decisións

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Presas defende que o BNG é a garantía para frear os retrocesos sociais e impulsar proxectos ambiciosos e pendentes para a cidade

Ourense, 19 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, participou nun encontro coa veciñanza de Seixalbo, onde chamou a mobilizarse o próximo 29 de novembro para facer historia e a consecución do primeiro escano do BNG por Ourense e apostar por unha forza política que traballe para blindar os dereitos conquistados e avanzar en novos fronte á onda reaccionaria.

No acto tamén participaron o voceiro municipal do BNG e candidato á alcaldía, Luis Seara, e a concelleira nacionalista, tamén candidata ao Senado, Erea Branco.

Presas advertiu que, nun contexto de avance da dereita e de discursos que pretenden recortar liberdades e cuestionar conquistas sociais, Ourense necesita BNG, unha forza comprometida coa defensa dos dereitos, coa igualdade, cos servizos públicos e cunha sociedade máis xusta. “Non podemos permitir que se dea nin un paso atrás nos dereitos conquistados durante décadas, pero tampouco podemos resignarnos: necesitamos avanzar, conquistar novos dereitos e construír unha sociedade na que vivir con máis dignidade” subliñou a cabeza de lista neste 20N.

Neste sentido, destacou que o primeiro escano do BNG por Ourense sería “moito máis” que un fito histórico: “será unha garantía de defensa dos dereitos da xente, unha voz libre para plantar cara aos retrocesos e para impulsar novas conquistas sociais. O BNG non vai a Madrid a mirar, vai a defender Galiza e a mellorar a vida da xente”.

A candidata nacionalista reivindicou tamén a necesidade de que Ourense conte cunha forza política con capacidade, ambición e as mans libres para defender os intereses da cidade e impulsar aqueles proxectos que levan demasiado tempo pendentes. “Ourense non pode seguir instalada na resignación nin conformarse con promesas que nunca se concretan. Necesita unha voz que defenda proxectos transformadores, que consiga investimentos e que teña a valentía de poñer sobre a mesa o futuro que merece esta cidade” afirmou con contundencia.

Entre eses proxectos, Presas destacou a proposta do metro lixeiro como unha aposta estratéxica para mellorar a mobilidade urbana, conectar barrios e ofrecer alternativas de transporte público eficaces e sostibles, así como a necesidade de abordar o saneamento integral dos ríos de Ourense. “Non queremos máis solucións de parche nin actuacións que se limiten a tapar problemas. Ourense necesita un saneamento integral dos seus ríos, unha solución definitiva que recupere os nosos espazos fluviais e que estea á altura dunha cidade que merece vivir de cara aos seus ríos”, sinalou.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Presas chamou a aproveitar a oportunidade que representan estas eleccións para abrir unha nova etapa política para Ourense, con máis capacidade de influencia, máis ambición e unha representación que non se limite a obedecer os intereses de partidos estatais. “O 29N podemos facer historia, pero sobre todo podemos facer que Ourense gañe. Gañar dereitos, gañar futuro, gañar servizos públicos e gañar capacidade para decidir e defender o que precisamos. O primeiro escano do BNG por Ourense será unha garantía para todo iso”, concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------