César Fernández destaca a “gran aposta pola cultura” da Deputación na entrega do VII Premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2024, con 10.000 euros en galardóns

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas culturais que xorden por toda Galicia

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os principais recoñecementos foron para o Festival de Jazz Primavera do Café Latino, a asociación cultural Telón e Aparte e o certame de poesía do Concello de Carral

Ourense, 1 de abril de 2025.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a aposta da Deputación de Ourense pola cultura durante o acto de entrega esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel dos VII Premios Rodolfo Prada á xestión cultural 2024, organizados pola institución provincial, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

César Fernández tamén destacou a figura do “insigne intelectual ourensán” que lle dá nome a estes galardóns, que pretenden recoñecer o labor dos xestores cultura en Galicia ou fóra, pero con claras referencias á cultura galega.

Anxo Lorenzo, pola súa banda, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas que xorden por toda Galicia”. Para o director xeral de Cultura, estes galardóns son un “moi bo exemplo da diversidade e potencia do bo facer no país en moitísimos ámbitos, públicos e tamén privados”.

O asesor de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, foi o encargado de chamar aos premiados, comezando polo primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, a Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, ciclo de referencia na cidade para os amantes deste estilo musical.

O segundo premio, para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, dotado con 2.000 euros, foi para a asociación cultural Telón e Aparte, que organiza en Carballo (A Coruña) o Festival Internacional de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia.

Finalmente, o terceiro premio, para proxectos culturais, dotado con 1.000 euros, foi para o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza a vixésimo sétima edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.

Premios por cada unha das catro provincias galegas

Ademais dos premios outorgados ao amparo destas tres categorías, o certame tamén entrega un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Pola provincia da Coruña, o xurado acordou conceder o premio á Fundación Eduardo Pondal polo proxecto “Festiletras”, que naceu na aldea do Couto (Ponteceso) no ano 1982, sendo un espazo para todos e un reflexo da tradición cultural galega.

Pola provincia de Lugo, o premio foi para a Fundación Uxío Novoneyra polo proxecto “Patrimonio Courelao. Enxeñería Ourensana, exemplo da universidade da Galicia Interior”, promovido dende a aldea de Parada, en Folgoso do  Courel.

En Ourense, a distinción foi para Óscar Penín Romero polo proxecto “Ruralisto”, entorno ao patrimonio e á cultura con especial atención ao rural, lanzado dende a localidade de Loiro (Barbadás). Por último, o galardón destinado a Pontevedra recaeu na Asociación Teatro Compañía Caracol, pola actividade que realizan dende Cambados para promover valores de respecto mutuo, diversidade e paz.

Premio especial

De acordo ás bases do certame, o xurado tamén concedeu un premio especial en base á proposta realizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural para o proxecto “Camino Escena Norte”, organizado polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena e Escena  Navarra, que baixo esta iniciativa de intercambio cultural das artes escénicas programan actividades en máis de sesenta sedes de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.–