Rodrigo Aparicio traslada a Alfonso Rueda os principais proxectos e necesidades de A Arnoia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde de A Arnoia, Rodrigo Aparicio, mantivo recentemente un encontro institucional co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no que abordaron diferentes proxectos estratéxicos e actuacións prioritarias para o futuro do municipio. A reunión desenvolveuse nun clima de diálogo, cordialidade e entendemento, cunha moi boa acollida por parte do presidente ás cuestións expostas polo rexedor local.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante a xuntanza, tratáronse varios asuntos de vital importancia para a localidade:

  • Mellora das comunicacións viarias con Ribadavia: O alcalde cualificou esta actuación como prioritaria e vital, tanto pola súa importancia para a mobilidade dos veciños como polas oportunidades de desenvolvemento para o municipio. Pola súa transcendencia e complexidade, acordouse seguir avaliando esta cuestión en posteriores reunións entre o alcalde, o presidente e os sectores implicados.
  • Nova pasarela sobre o río Arnoia en As Poldras: Rodrigo Aparicio agradeceu ao presidente a súa disposición para trasladar ao próximo exercicio a financiación da Xunta (xa comprometida para este ano), debido ao retraso da Confederación Hidrográfica na resposta á solicitude de autorización necesaria para executar a obra.
  • Pasarela peonil paralela ao pontón da OU-402: Nas proximidades do cruzamento do balneario, esta infraestrutura mellorará a seguridade dos peóns, que xa non terán que invadir a estrada para cruzar o actual pontón. Para iso, será necesario redactar un novo proxecto despois de que quedase deserta a anterior licitación.
  • Abastecemento e saneamento: O presidente Rueda trasladoulle a Aparicio o seu compromiso para seguir axudando desde a Xunta na financiación de melloras nestes sistemas no concello.
  • Pavillón polideportivo municipal de A Queixeira: O alcalde expuxo a necesidade de acometer melloras nesta instalación, onde disputa os seus encontros como local o Atl. Arnoia feminino de fútbol sala (Segunda División Nacional). O obxectivo é adaptar as instalacións ás esixencias da Real Federación Española de Fútbol e garantir a continuidade do equipo na categoría.

Ao remate do encontro, Rodrigo Aparicio quixo expresar o seu agradecemento a Alfonso Rueda polo trato recibido, pola súa disposición ao diálogo e, especialmente, polo compromiso e a sensibilidade amosados ante os proxectos trasladados polo Concello. O alcalde valorou moi positivamente a reunión, destacando a importancia de manter abertas as vías de colaboración e interlocución coa Xunta para facer realidade estas actuacións e contribuír á mellora da calidade de vida dos veciños de A Arnoia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------