O Plan de Viabilidade Invernal garante a seguridade nos 400 km de estradas autonómicas da provincia susceptibles de sufrir nevadas ao superar os 600 metros de altitude

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Centro de Vialidade Invernal da Merca para supervisar da man da tenente de alcalde, Josefina Carrera, os traballos que están a desenvolver os operarios da Administracion autonómica a prol da seguridade viaria dos condutores na época invernal de climatoloxía adversa.

Manuel Pardo trasladoulle os parabéns do Goberno galego polo traballo exemplar que levan a cabo tralo operativo para coordinar as actuacións e medios materiais e humanos con fin de garantir a vialidade das estradas, tendo en conta as actuais precipitacións persistentes que están a deixar rexistros moi elevados de auga e fortes ventos. Non deixou pasar a ocasión o delegado da Xunta para facer extensiva a felicitación aos traballadores das outras administracións como a estatal, a Deputación Provincial e os concellos pola boa coordinación encamiñada a garantir a seguridade viaria da cidadanía en situacións meteorolóxicas extremas.

O representante da Xunta lembrou o operativo que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas desprega na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Vialidade Invernal do Goberno galego, posto en marcha o pasado  1 de novembro e que estará operativo ata o 30 de abril, e fixo unha chamada á prudencia e á concienciación social dos condutores para que extremen as precaucións ao volante nesta época onde a climatoloxía é adversa.

O Goberno galego conta na provincia ourensá con 5 centros operativos de conservación e explotación dotados con máis de 2.000 toneladas de acopio de fundentes. Un dispositivo no que traballarán 70 profesionais que disporán de 52 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.

A provincia de Ourense, con 81 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, é a que ten máis vías autonómicas sensibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo. En total 1.019,90 km, dos que preto de 410 km son os máis susceptibles de sufrir fenómenos meteorolóxicos adversos pola súa altitude (máis de 600 metros).

O Plan de vialidade invernal

O delegado sinalou que coa activación do Plan, a Xunta quere garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade a todos aqueles cidadáns que a diario empregan as vías autonómicas para desprazarse. O programa recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.

A Xunta vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos case 5.500 km de estradas da súa titularidade.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------