“Gárgolas de Compostela | Compostela Gargoyles” a guia do carballiñes Benxamín Vázquez González

Benxamín Vázquez Gonzalez, Xornalista e escritor.

Con fotos de Xaime Cortizo esta publicada gran guía de gárgolas de Compostela de Benxamín Vázquez González 

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela é quizais a cidade europea con maior densidade de gárgolas, esas máscaras pétreas —enigmáticas, divertidas, transgresoras— que nos contemplan desde o alto a partir da Idade Media. Hai máis de 300, e nesta pioneira guía trilingüe (galego, castelán e inglés) selecciónanse 30 das máis singulares, nunha ollada nova e moi sorprendente desta capital.


Ártigos de Benxamín Vázquez publicados en balanovas.com :

Lembranzas familiares do Carballiño (III). Vellas historias sobre “El Cisne”

Lembranzas familiares do Carballiño (II). Naquel Grupo Escolar

Lembranzas familiares do Carballiño (I): Visto dende a nosa casa

Alen das lembranzas familiares (I): Atando cabos.


O Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual, Miguel Anxo Fernández Fernández dentro da súa serie “Terras do Carballiño e os seus escritores” adicoulle o número III a Benxamín Reproducimos o mesmo:

Benxamín Vázquez González [O Carballiño, 1943]. Un exemplo singular no contexto carballiñés ao conxugar as facetas de escritor e xornalista, ademais de vinculado ao sector audiovisual. Súmase a esa tripleta a de esixente cinéfilo, dos que acoden con regularidade ás salas. Afección que lle vén de neno no Carballiño, pois lembra que “unha das primeiras películas que vin foi Las minas del Rey Salomón, co meu pai no Pabellón Neira, porque o xerente Pepe Neira nola recomendara; pero saín chorando pois non me gustaban as danzas daqueles negros tan `pintarraxeados´. No cine do Román, o Alameda, non puiden ver Duelo al sol nin Arroz amargo porque os rapaces tiñamos prohibida a entrada. Pero conseguín coarme a Lola Montes…”.

Fillo de José Vázquez Senra (1888-1972), orixinario de Pobra de Trives, mestre con estudos superiores e praza por oposición, “entregado por enteiro a súa profesión, con métodos pedagóxicos innovadores e avanzados para o seu tempo. Quixo sempre dedicarse ao ensino público”, como lembra Benxamín, engadindo que en 1921 foise a Madrid dous anos “á Escola Superior do Maxisterio para ampliar estudos [e alí] coñeceu a pedagogos da ‘Institución Libre de Enseñanza’ e seguindo moi de preto a traxectoria do historiador e pedagogo Rafael Altamira, de quen se considerou discípulo”.

Fora tamén o pai, responsable das `Páginas pedagógicas´ de Faro de Vigo, durante dous anos, antes da Guerra Civil. Despois de exercer en A Bola, Lugo e Vigo, veuse destiñado ao Carballiño, onde coñeceu a Marina González Álvarez, da vila ourensán de Manzaneda, e casaron en 1942.

Lembra Benxamín que tivo unha infancia feliz, “xoguei moito, non paraba de brincar, recitei poesías do libriño, `El arca de Noé´ de Alfredo Marquerie, (que me trouxeran os Reis) ante os veciños, subido a un muro das obras do futuro Cine Reque; instalei unha tómbola para rifar cromos, contos, estampas e monicreques; montei un teatro de marionetas no portal da casa, e mesmo quixen formar unha rondalla infantil coa Maria José do ‘Chafallas’ como madriña, Luís Martín e Poncho Cerviño, Rosa María da “Virola”, que vivía ao lado da que sería pastelería,… e mais o meu irmán”.

Xa que nesta sección divulgativa, só se pretende canear o esquecemento e e priorizar o labor literario, no caso de Benxamín Vázquez faise mención ademais aos seus interesantes engadidos audiovisuais. Fixo estudos de Dereito na Universidade de Oviedo (1961-65), graduouse na Escuela Oficial de Periodismo en Madrid en 1969, estudos despois convalidados pola Complutense como licenciatura en Ciencias de la Información (rama Periodismo). Desde ese ano foi delegado de El Ideal Gallego en Santiago, tamén correspondente do diario Ya e da axencia Logos. En 1981 deseñou a revista “Outeiro”.

En 1982, por encargo da Conferencia Episcopal, coordinou os servizos informativos cando a visita de Juan Pablo II a Galicia. Foi director-xerente da Fundación Araguaney (1984-85). Desde 1985, director de programas na produtora CTV. En 1994 levou “Galicia enteira”, e en 1997 foi director adxunto de “Galeguidade”, sobre a Galicia exterior, ambos na TVG. Tamén guionista e responsable da serie “Galicia inédita”, e dos divulgativos “Saúde e consumo”, entre outros programas.

No eido da escrita, interesado de sempre pola arte, a antropoloxía e a cultura popular, fixo varias guías “Descubre Compostela” (Consorcio de Santiago), sobre as fontes, os capiteis, as estatuas e as gárgolas da cidade. Coordinou a magna obra referencial, “Tempos de Festa en Galicia” (Fundación CaixaGalicia), en tres tomos, cos dous primeiros publicados en 2006 e 2008, quedando o terceiro rematado pero sen saír do prelo. O seu interese por esa temática, levaríao a coautor de “Xaquín Lorenzo. O herdeiro de Nós” (Fundación CaixaGalicia, 2004) xunto a Xosé M. González Reboredo.

Xa no eido da ficción, estreouse coa novela “Cando soñar é canso” (Ir Indo, 2003), “un fabuloso e aloucado soño coral” no que bule polas súas páxinas moita retranca, tamén fantasía e ao cabo retazos escanciados da vida do autor. Dedícala “a meu irmán Joseíto, cabal bibliotecario e alentador de lecturas na Vilaviva do Carballiño”. Moito celebraríamos os carballiñeses, e os galegos, que a próxima obra de Benxamín Vázquez fose unha súa crónica do vivido, que non foi pouco e bo…