A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou o éxito que supuxo a edición deste ano dos campamentos de verán dirixidos de xeito específico para persoas con discapacidade, que finalizan na xornada de mañá. Begoña Abeijón visitou esta mañá os campamentos que teñen lugar nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán), espazos nos que se desenvolve esta programación xunto co Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo).
A directora xeral apuntou a importancia deste programa como actividade que favorece a socialización, as habilidades sociais dos participantes, o contacto coa natureza e o mar, o coñecemento da propia cultura e a educación para a saúde. Así mesmo, sinalou que estes campamentos favorecen a conciliación e o descanso das familias.
En total, a Xunta puxo ao dispor das familias 250 prazas para persoas entre os 11 e os 50 anos de idade, repartidas entre Carballiño, Panxón e Gandarío. As estadías para cada grupo de participantes foi de 10 días, durante os que estiveron atendidos por monitores con formación específica.


















