A xunta directiva de Club Deportivo Arenteiro vén de convocar a todos os seus abonados e abonadas a unha ‘reunión informativa’ que terá lugar o vindeiro venres, 17 de xullo, ás 20,00 horas, nas instalacións do Estadio Municipal de Espiñedo. E lémbrase aos asistentes que “para poder acceder á reunión, será requisito indispensable presentar o carné de socio en vigor da pasada tempada, 2025-2026”.
Unha convocatoria que coincide co anuncio, hoxe, da renuncia e dimisión das persoas socias que eventualmente estaban a traballar de xeito parello co novo presidente da entidade, Francisco Vázquez, para poñer en marcha a nova tempada 2026-2027 e situando ao clube na categoría da Terceira RFEF. Un punto de arranque que cecais xa non sexa posible, tendo en conta que estos autodenominados “grupos de traballo” aseguran que o devandito non depositou ante a Federación o aval necesario (cantidade que cifran en 61.000 euros) para a competir nesa categoría, á que C.D. Arenteiro se víu na obriga de descender ao non facer fronte ao pago das nóminas que adebeda aos xogadores e ao corpo técnico da tempada pasada, e que suman un total de 428.000 euros.
Estes grupos culpabilizan a anterior directiva, presidida por Argimiro Marnotes Fernández, de “fuxir” tras deixar unha débeda acumulada de preto de 3 millóns de euros, e xustifican a súa renuncia pola “perda de confianza” en Francisco Vázquez, polas decisións tomadas e a falta de transparencia na súa xestión.
Na reunión convocada para o venres, a orde do día prevista comezará cun informe de xestión, no que a xuntanza directiva fará un balance da situación actual do club e rendición de contas sobre os pasos e xestións institucionais realizados ata o de agora para encarar a tempada 2026/27. Tamén se contempla un apartado para a Escola de Fútbol, a fin de tratar sobre o “estado das xestións, estrutura e avances significativos respecto ás categorías inferiores do club”.
Finalmente, debatiranse as futuras liñas de actuación propostas pola dirección da entidade para que, se procede, sexan aprobadas por parte da masa social, rematando a reunión coa quenda de rogos e preguntas, a fin de que os socios e socias poidan expor as súas dúbidas, suxestións ou inquietudes.
No comunicado enviado aos socios e socias de Club Deportivo Arenteiro figura unha ‘Carta á nosa masa social’, que a continuación reproducimos na súa integridade:
“Estimados socios e socias: Dirixímonos a vós ás portas de arrancar a nova tempada 26/27. Queremos ser completamente honestos dende o primeiro momento, atopámonos cun escenario complexo e moitos frentes abertos que requiren de toda a nosa atención. Porén, temos a firme convicción de que as dificultades se superan indo paso a paso, atallando cada problema de fronte e con traballo diario. Queremos transmitirvos unha mensaxe de tranquilidade e confianza: as perspectivas son boas e o club ten un gran potencial e plenas posibilidades de saír adiante con forza. Estase a traballar sen descanso nos despachos para asentar os alicerces deste novo ciclo. Esta directiva ten unha máxima innegociable: o CD Arenteiro pertence os socios e socias. Por iso, non daremos ningún paso en falso. A vosa voz e o voso voto son o motor e a garantía deste club. Nesta reunión darémosvos conta, de primeira man e de forma transparente, de toda a realidade da entidade e dos pasos que xa temos consolidados”.
















