Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo solicitan un obradoiro de emprego conxunto

O Concello de Ribadavia ven de constituir unha agrupación de concellos con Carballeda de Avia e Castrelo de Miño para solicitar un obradoiro de emprego ao abeiro da convocatoria de 2021. A documentación relativa ao proxecto de obradoiro de emprego xa foi presentada ante a Xunta de Galicia e agárdase que a resolución do concurso poida producirse cara ao final da primavera.

O proxecto de obradoiro de emprego presentado ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, é unha acción formativa con unha duración de 9 meses mais 3 meses de prácticas en empresas. Este proxecto de obradoiro denominado “Ribeiro: Miño-Avia”, contará con tres módulos formativos diferenciados para un total de 20 alumnos repartidos do seguinte xeito: seis alumnos no módulo de enoturismo, e sete alumnos no modulo agrario e outros sete no de albanelería. Na presentación do obradoiro paraticiparon o alcalde e a teniente alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia e Noemi Alonso, o alcalde Castrelo de Miño, Avelino Pazos e o alcalde de Ribadavia, César Fernández.

AVANTAR ACTIVIDADES

Haberá un módulo de formación agraria que se centrará nas operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e semente de cultivos agrícolas, rego, abonado e aplicación de tratamentos en cultivos agrícolas, así como recolección, almacenamento e envasado de produtos e o mantemento básico de instalacións. Por outra banda, o módulo adicado ao enoturismo proporcionaríalle ao alumnado formación centrada en xestionar a información e documentación enoturística; crear, promocionar e comercializar servizos e produtos enoturísticos locais; Información e atención ao visitante; Deseño de produtos e servizos enoturísticos e ademais, Inglés profesional para o enoturismo. Así mesmo, o módulo de albanelería permitirá formar persoas nesta profesión e acometerá o arranxo de diversas fontes no concello de Castrelo de Miño.

Os alcaldes dos concellos promotores do proxecto destacaron que “Estamos ante un proxecto de Obradoiro de emprego con un carácter moi innovador, non só pola oferta formativa que permitirá contar con tres módulos formativos perfectamente diferenciados, se non que, ademais, a propia natureza dos módulos resalta o carácter innovador da proposta xa que no módulo agrario a formación vincúlase ao concepto de aldeas modelo promovido pola Xunta de Galicia, e no caso do módulo adicado ao enoturismo a formación adquirida en TIC, idiomas e turismo así como os coñecementos adquiridos permitirán contar na comarca con xente formada en enoturismo, o cal ofrecerá ás empresas da contorna (adegas, casas de turismo rural, balnearios, servizos turísticos, etc.) a posibilidade de dispoñer de persoal cualificado e ben formado nun intre en que a demanda enoturística está aumentando. E a maiores cóntase co módulo de albanelería que permitirá formar persoas neste eido, importante para a realización de obra pública, algo moi necesario nos nosos concellos.”

Os alcaldes afirmaron que “a colaboración e cooperación institucional cos concellos e nomeadamente cos alcaldes de Castrelo de Miño e Carballeda de Avia, posibilitou que puidéramos presentar este proxecto de obradoiro de emprego que agardamos que, no caso de ser concedido, nos permita contar con veciños e veciñas destes tres concellos formados en competencias claves para afrontar os retos de futuro que temos por diante Ribadavia, Carballeda de Avia e castrelo de Miño.”