Xente Nosa: Marcial Taboada de la Riva


Xosé L. Sobrado Pérez Historiador . Presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño

Artigo : ” XENTE NOSA “

AVANTAR ACTIVIDADES

MARCIAL TABOADA DE LA RIVA (1837-1913)

Unha das figuras de releve e un dos pioneiros do mundo da hidroloxía médica en España na transición dos séculos XIX e XX.

In memoriam, Dr. D. Luis Rodríguez Míguez.

Corría xa moi avanzada a década de 1830, e O Carballiño era un punto puxante de vida dotado con esa enerxía que amosan as poboacións que aspiran e queren medrar en tódolos sentidos. Por eses anos, o negocio papeleiro aparece con forza nesta comarca, sendo a única da provincia ourensá en contar con procesos de fabricación dun produto con tanta demanda social como era o papel. Neste contexto, o matrimonio formado por Bernardo Taboada, natural de Astureses e médico de profesión, e Ana de la Riva, santiaguesa pertencente a unha das familias máis poderosas economicamente en Galicia daquela, deciden montar unha fábrica de papel no río Arenteiro que aínda hoxe podemos contemplar na paraxe da Lavandeira e destinada para albergar nun futuro próximo o Museo do Papel de Galicia. Deste matrimonio nace Marcial Taboada y de la Riva. Non se poñen de acordo os historiadores sobre o lugar onde este persoeiro veu ó mundo: O Carballiño, Ourense ou Santiago; no que si concordan todos é que naceu o 25 de marzo de 1837.

Coa familia establecida no Carballiño, Marcial Taboada de la Riva, realiza a súa educación primaria e da chamada Segunda enseñanza que, unha vez rematada, lévao camiño da Universidade de Santiago onde comeza os estudios de medicina. Nesta cidade realizará os tres primeiros cursos para, logo, trasladarse a Madrid e rematar a súa carreira, despois de realizar prácticas no Hospital General daquela cidade. Encamiña, inicialmente, o seu futuro opositando ó Corpo de Sanidade da Armada, onde obtén o número 2 pero renuncia ó pouco tempo para desprazarse a Sonseca (Toledo), onde vai exercer como médico titular, compaxinando a profesión co cargo de Subdelegado do Partido Xudicial de Orgaz.

Dende este momento comeza unha ampla vida profesional ligada á súa grande vocación co mundo termal -na que exerce unha grande influencia o eminente especialista galego nesta materia, o doutor Antonio Casares- ó ser nomeado, previa oposición, Médico Director de Baños e Augas Minerais. Deste xeito, ten como primeiro destino ó balneario cordobés de Arenosillo. Corría o ano 1859. Pasará, despois, ós balnearios de Fuensanta de Buyeres de Nava, Chiclana, Archena e Trillo.

Mentres, no ano 1860, unha gran epidemia de cólera recorre a xeografía española, ofrecéndose ás autoridades sanitarias para axudar nesta situación en Toledo e, despois, en Asturias obtendo como compensación a Cruz de Epidemias e o recoñecemento como fillo adoptivo de Sonseca onde agradecen os seus enormes esforzos por erradicar a epidemia nesa vila toledana.

No ano 1870 escribe o primeiro “Anuario de Hidrología Médica” polo que resulta nomeado Académico correspondente da R. A. de Medicina, pasando a ser colaborador de revistas especializadas en medicina e da publicación El Siglo Médico. Le o seu discurso de ingreso nesta institución co título de: “Concepto histórico de la higiene en sus relaciones con la administración sanitaria”, contestado por D. Francisco Javier Santero y Van Baumberghen.

No ano 1875, pasa a ser profesor de Hidroterapia médica e enfermidades nerviosas na Escola de práctica de Medicina e cirurxía, ó tempo que ocupa os cargos como Consejero de Sanidad, Presidente de publicacións da Sociedade de Hidroloxía, integrante da Cátedra de Historia de Medicina da Universidade da Habana, Academia de Hidroloxía médica de París, Ciencias Médicas de Lisboa e actúa como representante de España en diversos congresos sanitarios celebrados en Viena, París e A Haia.

En 1887, toma posesión como director do balneario cántabro de Caldas de Besaya. Dende esa data parece encamiñar un novo proxecto ó aceptar dar o paso ó mundo da política, aceptando presentarse ás eleccións de deputados pola súa terra, polo distrito do Carballiño, dende o bando liberal. Corría o ano 1893. Nese proceso electoral celebrado no mes de marzo dese ano consigue unha incontestable vitoria sobre o conservador Bugallal a quen varre nas votacións por uns contundentes 6.158 votos contra os 3.500 do seu rival. Un ano máis tarde é nomeado director do balneario de Panticosa e, no ano 1895, como deputado fai unha proposta ó ministro de Fomento para crear en Santiago de Compostela unha facultade de Ciencias, opción rexeitada polo suposto incremento de gasto que tería para o erario público.

De cheo na política, no ano 1896 resulta elixido senador por Ourense formando parte das filas do Partido liberal e, dous anos despois, volve a selo como deputado polo distrito do Carballiño mentres que, profesionalmente, encamíñase cara un novo destino: o balneario murciano de Archena. No ano 1901, novas eleccións ó Senado, e volta a ser elixido representante á cámara pero desta volta por Lugo. Neste novo periplo como senador presenta unha importante cuestión como é o de modificar a Lei de Augas para introducir normas para protexer ós mananciais de augas mineiro-medicinais mediante unha lexislación específica, polo que resulta elixido para formar parte da comisión que se encargue da reforma.

Por estes anos tamén forma parte do grupo de galegos que colabora economicamente no sustento do Centro Galego de Madrid. Na lexislatura de 1903-1904 foi senador pola Real Academia de Medicina e, a partir de 1905, senador vitalicio. No ano 1909, o Goberno, concédelle o Premio de 1ª Clase polo seu traballo titulado “Memoria de los Baños y Aguas de Archena” e dous anos despois recibe a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso XII polos “relevantes servicios prestados á la cultura nacional”.

Morre en Madrid, o 23 de abril do ano 1913, sendo soterrado no cemiterio da Almudena daquela cidade.

No apartado do seus estudos de investigación realizados ó longo da súa vida, publicou:

-Anuario de la hidrología médica española, 1870; 

-Primer centenario de los establecimientos balnearios de Carlos III en Trillo: memoria, 1878; 

-Concepto histórico de la higiene en sus relaciones con la administración sanitaria: memoria leída en el acto de tomar posesión del cargo de académico de la Real Academia de Medicina el día 1 de marzo de 1885. 1885;

-con M. Carretero y Muriel, Resumen estadístico oficial de las aguas minerales de España, 1897.

Memoria de los Baños y Aguas de Archena, 1909.

Estadística y observaciones sobre el desarrollo del cólera-morbo en la ciudad de Oviedo y su concejo en el año de 1865 y principio de 1866. 1866. 

——————————————————————————————————–

Outros artigos de Xosé L. Sobrado Pérez :

O Carballiño e a Gripe. Unha Historia Para Lembrar