Rafa Villarino e Nacho Gómez en rolda de prensa sobre concesión irregular de subvencións na Deputación

Achegamos novamente nota, foto e audio da rolda de prensa de hoxe na Deputación de Ourense, incluindo VÍDEO. No audio e vídeo interveñen Nacho Gómez, deputado provincial, e Rafa Villarino, voceiro e deputado do PSdeG-PSOE.

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN PARA ACLARAR AS RESPONSABILIDADES POLÍTICAS DA CONCESIÓN IRREGULAR DE SUBVENCIÓNS NA DEPUTACIÓN DE OURENSE

AVANTAR ACTIVIDADES

VIDEO

AUDIO

A difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP provocou que 683 solicitudes de subvencións a pemes e autómonos afectados pola pandemia foran rexistradas fóra do prazo legal

Gómez denunciou unha “trama de axudas” para “traficar con información” mentres Villarino advertiu “lucro electoral” tras reclamar “depurar responsabilidades políticas” e “solucións aos afectados”

O PSdeG-PSOE reclamará a creación dunha comisión de investigación para aclarar as responsabilidades políticas derivadas da concesión irregular de subvencións da Deputación de Ourense para facer fronte á crise da COVID-19, logo de que a difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP, provocase que 683 solicitudes foran rexistradas fóra de prazo. A pesar diso e segundo puideron comprobar os socialistas, algunhas destas axudas xa foron abonadas.

Concretamente trátase de subvencións directas de 600 euros para autónomos e de ata 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia segundo orde de rexistro das solicitudes e só ata esgotar o crédito habilitado de 3,8 millóns. Nos días previos á obrigada publicidade a través do BOP, numerosos cargos públicos do PP difundiron a través de perfís persoais e institucionais de Facebook ou de chats de Whatsapp, documentación reservada da orde do día da Xunta de Goberno, así como información errónea sobre prazo e procedemento para solicitar as axudas. A propio web da institución tamén informa erroneamente do comezo do prazo ata hoxe mesmo.

Isto provocou que centos as persoas físicas e xurídicas procederan ao rexistro da documentación o 12 de maio, cando o prazo comezou realmente o mércores 13, un día despois da publicación no BOP. Concretamente foron 683 solicitudes e algunhas desas solicitudes xa foron abonadas.

O deputado, Nacho Gómez, incidiu en que estamos ante a “trama das subvencións” da pandemia creada coa “intención de mercadear coa vontade das persoas para, coma sempre, dar axudas aos seus amigos”. “Estamos ante 683 subvencións irregulares, ilegais e fóra de prazo”, insistiu o deputado antes de insistir nunha “trama para premiar aos seus”. “Baltar segue coa mesma política caciquil que agora, ademais, é tamén unha políticas incompetente xa que están a prexudicar as persoas afectadas pola pandemia”.

O portavoz, Rafa Villarino, asegurou que os socialistas buscan “aclarar as responsabilidades políticas” e “no caso de que se nos negue pensaremos se ir á vía xudicial”. Segundo o portavoz “este xeito de actuar tiña como obxecto garantir axudas a algúns amigos” polo que preguntou “que vai pasar con esas 683 persoas que están fóra de prazo e que, nalgúns casos, xa cobraron”. Tamén recalcou o papel que xogaron algúns deputados provinciais do PP que “buscaban lucro electoral” coa difusión desta “información privilexiada” antes de tempo. “É o concepto clientelar de sempre desta deputación”, aseverou antes de pedir que “se garanta unha solución aos afectados porque esa xente non é mais pero tampouco é menos que outros”.

Os socialistas recordan que “o rexistro anterior ou posterior ao prazo establecido nos procedementos iniciados a solicitude do interesado, implica a inadmisión das solicitudes por teren sido formuladas extemporaneamente”, e salientan que “numerosa xurisprudencia detalla a nulidade de resolucións baseadas en solicitudes fóra do prazo”. Así pois cualifican o sucedido como “unha evidente irregularidade e un importante risco para os afectados e afectadas pola pandemia, a causa dunha irresponsable xestión das subvencións por parte dos dirixentes políticos da Deputación”, e por iso cren “imprescindible” que se aclaren responsabilidades. “Un recurso dun solicitante, pode provocar consecuencias xurídicas relevantes así como a obriga de reintegro dos fondos percibidos”, advirten.

Desde o PSdeG-PSOE denuncian que “a pesar de ser coñecedor deste problema, o goberno bipartito provincial de PP e DO seguiu adiante coa convocatoria no lugar de buscar solucións efectivas para garantir seguridade xurídica plena”. E por iso, na moción coa que demandan a constitución da comisión de investigación, tamén instan á “execución inmediata dos mecanismos e trámites administrativos necesarios, para solventar os problemas ocasionados ós afectados e afectadas polas irregularidades no procedemento de publicidade e concesión das subvencións”.