O Partido Popular mantivo hoxe en Ourense un encontro con representantes do sector da peitearía, barbería e estética no que participaron a candidata ao Congreso, Ana Vázquez, a candidata ao Senado, Rosa Sánchez Gándara, xunto co tamén candidato ao Congreso Celso Delgado.
A reunión serviu para presentar as principais medidas económicas e fiscais do programa electoral do partido para autónomos e pequenas empresas, así como para escoitar de primeira man as preocupacións do sector.
Durante o encontro, os populares puxeron en valor a importancia dun sector integrado maioritariamente por autónomos, pequenas empresas e negocios familiares, cunha destacada presenza de mulleres e mozos, que desempeña un papel fundamental na xeración de emprego e na dinamización económica dos nosos barrios e vilas.
“Estamos falando dun sector esencial que sostén moitos postos de traballo e dá vida aos nosos barrios e pobos, pero que leva demasiado tempo soportando presión fiscal e custos crecentes”, sinalou Rosa Sánchez Gándara.
O programa electoral do Partido Popular contempla un conxunto de medidas orientadas a reducir a presión fiscal, facilitar o emprendemento, favorecer a contratación e mellorar a protección social dos traballadores por cuenta propia.
Entre as principais propostas destacan a cota cero para os novos autónomos durante o primeiro ano, ampliable ao segundo en determinados supostos; a redución do IRPF para as rendas medias e baixas; os incentivos fiscais para os mozos emprendedores; a franquía do IVE para autónomos cunha facturación inferior a 85.000 euros anuais e a simplificación das obrigas tributarias.
Así mesmo, plántexanse bonificacións do 100 % das cotizacións empresariais pola contratación do primeiro traballador durante un ano e do 50 % polo segundo, unha mellora da prestación por cese de actividade, unha maior protección en caso de enfermidade grave e a redución do 35 % das cargas administrativas das pequenas e medianas empresas antes de 2029.
Escoita activa e diálogo permanente co sector
O encontro permitiu abordar outras cuestións que preocupan especialmente a estes profesionais, como o incremento dos custos laborais, a rendibilidade dos establecementos, a remuda xeracional, a competencia desleal, a formación profesional e as dificultades para atopar persoal cualificado.
No marco das reivindicacións específicas do colectivo, tamén se abordou a recuperación do IVE reducido ao 10 %, unha demanda histórica do sector que o Partido Popular defendeu mediante diferentes iniciativas parlamentarias e sobre a que considera necesario manter aberto o diálogo.
“Os autónomos e pequenos empresarios deste sector traballan arreo cada día e precisan un marco estable, menos trabas e políticas que recoñezan o seu esforzo en vez de afogalos; ese é o compromiso que adquirimos hoxe e é polo que imos loitar desde Madrid cando goberne Alberto Núñez Feijóo”, destacou Ana Vázquez.
Finalmente, o Partido Popular reafirmou o seu compromiso de manter unha interlocución directa e permanente coas organizacións representativas do sector, contando coas súas achegas no desenvolvemento das futuras reformas económicas e fiscais, co obxectivo de avanzar cara a un marco que facilite o traballo dos autónomos, favoreza a creación de emprego e permita ás pequenas empresas desenvolver a súa actividade con maior estabilidade, seguridade e perspectivas de futuro.

















