Ribadavia crea un servizo de igualdade para mulleres chamado “Lola Touza”

O Concello de Ribadavia puxo en marcha neste mes de xullo este programa que levará o nome de “Lola Touza”, en honra á insigne muller ribadaviense. Compaxina a realización de talleres con mulleres do noso municipio durante os meses de xullo, agosto e setembro, e a creación dun novo Servizo Integral Especializado de Asesoramento e Orientación á mulleres, servizo que será presencial na casa do Concello todos os luns, de 9.30 a 14.30hh.

Os talleres comezaron neste mes de xullo e terán lugar ademais de na vila de Ribadavia, tamén nas parroquias de Francelos, San Cristovo, Ventosela, e a Franqueirán.

Son cinco talleres con unha ampla temática que aborda diferentes aspectos. Taller de autoestima e benestar con perspectiva de xénero. “Aprendendo a identificar a violencia de xénero: ferramentas de sensibilización e prevención. “A era post-Covid para as mulleres de Ribadavia. O valor dos coidados”, e “Taller de inserción laboral e autoemprego para mulleres e estratexias de busca de emprego, formación para a selección, comunicación, elaboración perfil profesional, e desenvolvemento de intereses persoais e profesionais e autoemprego”.

Publicidade Premer na Imaxe

O Programa fíxase como obxectivos, entre outros:

– Previr a violencia de xénero.

– Prestar atención, apoio e orientación ás mulleres vítimas e aos seus fillos e fillas.

– Apoiar ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

– Contribuír a superar as desigualdades estruturais por razóns de xénero.

– Mellorar a empregabilidade e o benestar das participantes.

– Dotar de ferramentas para a inserción laboral.

Este servizo municipal ten como principal obxectivo traballar pola igualdade efectiva de mulleres e homes, e a prevención da violencia de xénero. As accións van encamiñadas á mellorar a situación persoal, social e laboral de todas aquelas mulleres que o precisen.

É unha servizo creado para todas as mulleres do noso municipio que precisen de atención en temas relacionados coa violencia de xénero e a igualdade. Ademais, será un servizo gratuíto, especializado e confidencial. Desde este informarase a todas as mulleres que o necesiten dos recursos dispoñibles para combater a situación de violencia de xénero que poidan estar vivindo as afectadas.