Esta mañá, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, visitou o Carballiño, acompañado do alcalde, Francisco Fumega. Hoxe deron comezo as obras para paliar as deficiencias detectadas na conexión da rede de saneamento co colector do río Arenteiro entre a estrada do Irixo e o paseo fluvial. A execución do proxecto está financiado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil por un investimento que ronda os 90.000 euros.
Este é o último punto negro, salvando a fosa séptica de Arcos. Dende o punto de vista medioambiental será unha obra importante tamén en canto á calidade da auga destinada ó consumo.
Quiroga referiuse hoxe tamén á obra da rúa Ourense. Asegurou que a confederación visitará nun prazo curto O Carballiño para asinar este proxecto, que ascenderá a 1,7 millóns de euros e que supón unha reforma de moito maior calado, tanto no que será o saneamento como na obra externa de humanización.