O concello de Ribadavia construirá unha beirarrúa na Franqueirán e novo asfaltado

O Concello de Ribadavia vén de anunciar unha nova actuación en materia de infraestruturas no municipio, concretamente na parroquia da Franqueirán. As obras consistirán, nunha primeira fase, na construción dunha beirarrúa dende o centro do núcleo de poboación ata o centro social da Eira, tamén se realizarán tarefas para rematar coas fochancas e buracos da estrada de acceso a esta parroquia coa instalación dunha nova capa de rodamento.

O grupo de goberno municipal aposta deste xeito por resolver unha “demanda histórica”
da veciñanza coa construción dunha beirarrúa que permitirá mellorar a seguridade dos
peóns e facilitar o tránsito por este núcleo de poboación ata un punto neurálxico como
é o centro social. Outra das labores de actuación será a limpeza de cunetas, que nestes
momentos se atopan en “mal estado”, dado a orografía da Franqueirán, deixando deste
xeito as mesmas libres de maleza e restos arbóreos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, destaca que estas actuacións
“son un novo exemplo dun goberno que aposta por mellorar a vida cotiá da veciñanza,
por resolver os seus problemas e por dar solucións aos problemas de seguridade viaria”.
A rexedora explica que se trata dunha primeira fase, que se continuará nun futuro, xa
que tal e como apunta “o investimento dedicado este ano do Plan Marco da propia Xunta
de Galicia, non conta con cartos suficientes para abordar máis tramo co que imos
realizar”.

Rodríguez pon de manifesto a “implicación” do goberno municipal na “mellora e
acondicionamento de infraestruturas por todo o municipio” e apunta que “o noso deber
é dar resposta as débedas históricas como esta na Franqueirán e apostar por un concello
que avance e siga conseguindo importantes investimentos para seguir desenvolvendo
melloras e obras que son de vital importancia para Ribadavia”.

A obra, que contará cun investimento de 45.727 euros, permitirá tamén a mellora da
rede asfáltica da estrada de acceso a Franqueirán, xa que tal e como sinala a rexedora
de Ribadavia “durante a grave situación de seca que padecemos fai uns meses, o paso
de camións de auga por esta zona foi constante, polo que a estrada sufriu bastante ante
o paso de material pesado e precisa desta actuación”.

O grupo de goberno municipal traballa tamén na instalación dun sistema de redución de
velocidade dos vehículos nesta estrada, xa que tal e como apunta Noelia Rodríguez “en
ocasións os coches circulan a velocidades moi altas, o que supón un perigo para os
peóns e a veciñanza que emprega a diario esta vía de comunicación”. A rexedora subliña
que o obxectivo “é mellorar a seguridade viaria na zona para evitar posibles accidentes
e previr posibles atropelos” e afirma que “este goberno está comprometido coa
seguridade e con estas melloras seguimos traballando e avanzando nese senso”.