O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento de Galicia a “grave” situación sanitaria que se está a vivir en Beade ante a falla de facultativa no período de Nadal, por mor das vacacións da mesma. Os e as socialistas acusan ao goberno galego de ausencia “total” de previsión, ao non prever o período vacacional da médica titular e deixar a poboación sen atención sanitaria, obrigándoos a desprazarse ata Leiro.
A parlamentaria socialista ourensá, Marina Ortega Otero, rexistrou unha proposición non de lei para o seu debate en pleno e na comisión de sanidade na que instan á Xunta de Galicia, a que través da Consellería de Sanidade, cubra de xeito “inmediato” a vacante por período vacacional da facultativa médica de Beade. Unha situación que xa denunciou hai unha semana o grupo municipal socialista, despois de ter coñecemento que a veciñanza non disporía de asistencia sanitaria ao longo de todo o período de Nadal.
Ortega Otero destaca que a sanidade pública “é un dos bens fundamentais nun estado de benestar, polo que é de suma importancia contar cuns servizos mínimos, básicos, dignos e eficientes que dean servizo a poboación”. Neste senso, a parlamentaria socialista tamén remarca que “estamos falando dunha das provincias co peor saldo vexetativo do estado e dun concello cunha das poboacións máis envellecidas da comarca do Ribeiro”. A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense tamén apunta a que “a veciñanza está moi preocupada pola falta de facultativos nos municipios, así como polo aumento das listas de agarda”.
“A situación en Beade supón un severo varapau para á veciñanza, que se verá obrigada nestas datas a ter que pagar un taxi para acudir ao médico, no caso de non ter coche propio”, explica Marina Ortega, que tamén afirma que “estamos ante unha situación que non é nova, posto que no verán xa sufriron a falla de servizo, por mor tamén das vacacións da facultativa e sen que o goberno galego buscase solucións ante esta situación previsible”.