As e os edís do PSdeG advertiron de que o executivo local “non ten ningunha alternativa real e concreta sobre o que se vai facer o día despois” da supresión da ORA na cidade
E lembran que o Concello de Ourense non pode desfacerse da súa participación no COB sen máis, nin sen ter datos ou garantías sobre os posibles inversores e en medio dun proceso xudicial aberto
Na Xunta de Voceiros que tivo lugar esta mañá no Concello de Ourense, as e os socialistas trasladaron a súa vontade ao alcalde de estudar propostas debidamente acreditadas e rexeitaron dar o seu apoio no Pleno aos “caprichos” de Gonzalo Pérez Jácome que entenden “están baseados en castelos no aire sen ningún tipo de garantías para o desenvolvemento da cidade”.
No que á ORA se refire, a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, sinalou que a súa supresión “é competencia do pleno” e que o executivo local “non ten ningunha alternativa real e concreta sobre o que se vai facer o día despois”. “Leva co PMUS no caixón dende fai 5 anos e quere sumir a cidade nun caos de tráfico e mobilidade sen coñecer tampouco o posible impacto económico que a supresión do servizo pode ter para as arcas públicas”, subliñou a edil do PSdeG.
En canto ao outro tema abordado na reunión, lembran desde o grupo socialista que o Concello non pode desfacerse da súa participación no COB sen máis, nin sen ter datos ou garantías sobre os posibles inversores. “Todo elo, ademais, no medio dun proceso xudicial aberto por parte do último inversor, que precisamente viu da man do propio rexedor, e poñendo en risco o proxecto deportivo, a solvencia económica, a continuidade da área social e o mantemento dun club senlleiro marca Ourense”, engadiu.
Ante a resposta de Jácome ás dúbidas amosadas pola oposición, as e os edís do PSdeG indicaron que non se pode permitir que un alcalde, cando se lle esixe responsabilidade e rigurosidade, responda “atacando e manifestando que non volverá a buscar consensos políticos no que resta de mandato ou que non convocará máis a Xunta de Voceiros”, explicou Natalia González. “A política é consenso. E para facer cidade hai que ter proxecto, non arroutadas”, rematou contundente.