O PSDEG-PSOE DE VIANA PRESENTA UNHA BATERÍA DE INICIATIVAS PARA A REAPERTURA DE PENOUTA, GARANTINDO A SAÚDE E O BENESTAR DA VECIÑANZA E RESPECTANDO O MEDIO AMBIENTE
As e os socialistas expuxeron no pleno extraordinario celebrado na tarde de onte, e solicitado polo PSOE, os seus argumentos e diferentes iniciativas para buscar a reapertura dun dos motores económicos da vila, da bisbarra, da provincia, do país e de Europa
Germán García-Ávila aproveitou o pleno para reivindicar que a mina de Penouta “é a única en Europa, e das poucas no resto do mundo, que extrae o coltán, imprescindible para a fabricación de pezas e compoñentes das novas tecnoloxías”
Reclamou que “se faga o imposible e todo o posible para que a mina volva a reabrir nas condicións óptimas para a saúde das persoas, o seu benestar e cumprindo coas normas medio ambientais”
Viana do Bolo, 27 de xuño de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha batería de iniciativas para a reapertura da mina de Penouta nunhas condicións “óptimas e idóneas”, que garantan a saúde da veciñanza de forma “prioritaria”, o respecto e o benestar das persoas e os seus bens e cumprindo coas medidas medio ambientais existentes. As e os socialistas expuxeron no pleno extraordinario celebrado na tarde de onte, e solicitado polo PSOE, os seus argumentos e diferentes iniciativas para buscar a apertura dun dos motores económicos da vila e da bisbarra.
Durante a sesión plenaria, dende o grupo municipal socialista aproveitaron para denunciar o “clamoroso silencio e a inacción” na que están instalados Xunta, Deputación, Concello e empresa, unha vez se ditou a sentenza anulando a licenza de explotación da mina. As e os socialistas explicaron que “respectamos e lamentamos a decisión xudicial”, pero tal e como apuntaron “isto supón un mazazo para a economía local e para unhas 80 familias que viven do traballo directo da mina e outras 40 que o fan de forma indirecta, e que agora se atopan cun futuro incerto e poderían verse na obriga de marchar da súa vila”. Unha situación que tamén afectará ao resto de veciños e veciñas ante unha posible perda de poboación.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, amosouse especialmente crítico coa Xunta de Galicia, a que acusou de “deixadez nas súas funcións”, en relación a concesión da licenza de explotación dos recursos da mina. Tal e como explicou “así o recolle a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que di literalmente que se omitiu un estudo de impactos na Rede Natura 2000”. O edil socialista tamén puxo o foco na empresa titular da explotación lembrando que “é responsable de desenvolver a actividade, respectando tódalas premisas medio ambientais e sanitarias”. Tal como se recolle na sentenza, queda claro que a empresa non realizou novas analíticas sobre a presenza de metais pesados e substancias perigosas nas masas de augas superficiais. Tamén aluden a “tardanza” da empresa en reunirse cos traballadores, xa que non o fixo ata antonte e tal e como apuntou o voceiro socialista “non sé lles explicou a estratexia que van a seguir e só lles dixo que estaban traballando para conseguir que o ERE se renovaba”.
O voceiro socialista aproveitou o pleno para reivindicar que a mina de Penouta “é a única en Europa e das poucas no resto do mundo que extrae o coltán, imprescindible para a fabricación de pezas e compoñentes das novas tecnoloxías”. Neste senso, Germán García, puxo de manifesto que “temos un elemento que pode xerar riqueza non só en Viana, senón en toda a contorna, a provincia, o país e Europa”, motivo polo que reclamou que “se faga o imposible e todo o posible para que a mina volva a reabrir nas condicións óptimas para a saúde das persoas, o seu benestar e cumprindo coas normas medio ambientais”.
As e os socialistas critican tralo pleno a postura do alcalde do Partido Popular, Andrés Montesinos, quen non someteu a votación as propostas presentadas polo PSdeG-PSOE de Viana. “O lóxico e normal era someter a votación ditas propostas para aprobar e levar a cabo aquelas que se aprobasen”, sinalan antes de criticar a “falta de consideración do rexedor nun tema tan sensible”.
Dende o grupo municipal socialista lembran que o concello “é parte na situación da mina”, xa que tal e como explican “é o responsable de garantir que as augas de consumo domiciliario sexan saudables e non conteñan metais pesados”. Neste senso, destacaron que xa no seu día “esiximos análises periódicas das augas de consumo, non só dende o punto de vista bacteriolóxico, senón tamén da presenza de posibles metais pesados”.
Ante o peche da mina, o PSdeG-PSOE de Viana expuxo onte a necesidade de “traballar de forma conxunta dende tódalas administracións para idear estratexias e pór en marcha iniciativas que faciliten a reapertura de Penouta, corrixindo tódolos erros e eivas que poida haber para recuperar un motor económico imprescindible para Viana”.
Propostas presentadas polo PSdeG-PSOE de Viana do Bolo no pleno extraordinario
1. Que por parte do organismo dependente da Xunta, Augas de Galicia, se informe ao concello dos resultados das análises periódicas dos posibles vertidos de minerais pesados, tanto das augas superficiais coma de filtracións, relacionadas co consumo domiciliario, e de ser así, que as publiquen.
2. Que dito organismo se comprometa a que se retome a actividade e se efectúe un control exhaustivo con análises periódicas das augas relacionadas ca actividade mineira.
3. Que a Xunta de Galicia informe da situación administrativa na queda o permiso de explotación, no caso de anulación definitiva.
4. Estudar por parte da Xunta a posibilidade de reducir a autorización dás cuadrículas a explotar, tratando de minorar o posible impacto ambiental.
5. Que a Xunta analice a posibilidade de limitar os anos, reducindo o prazo de explotación.
6. Que o concello de Viana esixa a VIAQUA, empresa concesionaria da auga de consumo, análises periódicas das augas con parámetros físicos e microbiolóxicos e de metais pesados, especificamente ós sinalados na sentenza.
7. Solicitar a empresa concesionaria da explotación que acometa os investimentos necesarios para preservar que non se produzan vertidos ás augas, tanto nas superficiais coma nas posibles filtracións de residuos e balsas de lodos. Deberían adecuar o sistema de explotación a preservar os bens e a calidade de vida dos posibles afectados.
8. O Grupo Municipal Socialista xa propuxo nun pleno que se mude a toma de auga para o consumo domiciliario, evitando facelo de onde verten os regatos que baixan de Penouta, disipando así moitas das dúbidas existentes polas análises presentadas ante o Tribunal e que motivaron unha parte do resultado da sentenza . Porén insistimos en que se tome en consideración esta proposta para dar maior consistencia ás accións que se adopten para a retomar a actividade mineira.
9. Propomos e demandamos da Xunta de Galicia que acometa dunha vez un estudo e inventario das posibles explotacións mineiras existentes en Galicia, tanto das xa catalogadas e inactivas, coma aquelas en estudo, a obxecto de analizar a posibilidade de constituír un clúster con participación pública para a explotación daquelas concesións que foran estratéxicas polos compoñentes a extraer, coma puideran ser calquera dos 17 elementos que se denominan “Terras Raras”.