O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense trasladou que únicamente votou a favor de incluír na orde do día a modificación orzamentaria 9P, relativa a asuntos sociais por un importe que ascende a 808.400 euros
“Actuamos con total autonomía e responsabilidade, sen deixar de apelar tamén a poñer fin ao ‘modus operandi’ levado a cabo polo alcalde, a base de modificacións orzamentarias, algunhas necesarias e outras non tanto”, afirmou a voceira, Natalia González trala Comisión de Pleno
Ourense, 25 de setembro de 2024. Logo da Comisión de Pleno que tivo lugar esta mañá, o grupo municipal socialista do Concello de Ourense trasladou que únicamente votou a favor de incluír na orde do día a modificación orzamentaria 9P, relativa a asuntos sociais por un importe que ascende a 808.400 euros.
Dita modificación orzamentaria inclúe o pago de axudas de comedores escolares ás familias que quedaron excluídas inicialmente na convocatoria deste ano (24.000 euros), as axudas do programa de emerxencia social para as máis de 300 persoas que están pendentes delas dende hai meses (300.000 euros), a dotación económica para a convocatoria anual de subvencións da Concellería de Benestar Social para entidades do terceiro sector (90.000 euros) e os convenios con distintas entidades sociais que fan un labor imprescindible na nosa cidade: Cáritas, ADO, Por Eles TEA, Banco de Alimentos, Cruz Vermella, ASPANAS, IGAXES, Fundación Secretariado Xitano, CAVAS, ASPANAS, ANEDIA, ASPAMADIS, PROVIVENDA, APUNTASTE e Fundación Juan Soñador (por importe total de 394.400 euros).
“Solicitamos, así mesmo, que esta modificación orzamentaria se inclúa xa na orde do día do pleno ordinario do vindeiro 4 de outubro, co fin de optimizar recursos e ante a pouca diferenza de días e prazos que habería entre unha convocatoria extraordinaria e a propia ordinaria da próxima semana”, explicou a portavoz do PSdeG.
“Os e as socialistas ratificamos o xa dito nos últimos anos e meses e actuamos con total autonomía e responsabilidade, sen deixar de apelar tamén a poñer fin ao ‘modus operandi’ levado a cabo polo alcalde, a base de modificacións orzamentarias, algunhas necesarias e outras non tanto, que únicamente serviron para seguir a engordar a inestabilidade económica do Concello de Ourense”, afirmou a voceira trala Comisión de Pleno.
O incremento das “irregularidades nos procedementos de contratación”, a “preferencia polos contratos menores”, o incremento das débedas e os intereses de demora a pagar por obra e servizos á veciñanza “con máis de 3.000 facturas pendentes e cun período medio de pago a provedores disparado a máis de 140 días”, ou a “falta de diálogo e consenso nas decisións políticas que funcionan a base de arroutadas e sen medir as consecuencias para esta institución e para a veciñanza”, son algúns dos factores determinantes do caos económico que actualmente padece a Administración local que preocupan ás e aos socialistas.
“É imprescindible sacar adiante un orzamento despois de ser incapaces en 4 anos de poñer sobre a mesa nin tan sequera un borrador. É imprescindible poñer orde en materia de persoal e reconsiderar decisións como a alteración das bases do proceso de estabilización, toda vez que xa estaban aprobadas unhas anteriores. Así como poñer en marcha, dende a responsabilidade e con coherencia, unha organización dos e das profesionais da Policía Local que acabe co caos e as situacións que están a xerar riscos e prexuízos á cidadanía dunha vez por todas”, rematou esixindo taxante a portavoz do grupo municpal do PSdeG.