Ribadavia é centro de convivencia de 25 mozas e mozos de cinco países europeos para traballar na cidadanía activa

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Hoxe comezou en Ribadavia o intercambio xuvenil internacional “Democracy: Play Now!”, unha iniciativa que reúne a mozos e mozas de cinco países europeos: Portugal, Romanía, Grecia, Estonia e España. Este proxecto, enmarcado no programa Erasmus+, ten como obxectivo promover a participación democrática e a cidadanía activa entre a mocidade europea.
A primeira xornada arrincou cunha recepción oficial na que participaron o alcalde, César Fernández, a concelleira de Xuventude, Yolanda Gómez, os concelleiros da oposición Luis Gulín e Maite Rodríguez, a directora territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Sandra Quintas, e o técnico da Oficina de Xuventude de Ribadavia, Manuel Araujo. Nas diferentes intervencións destacaron a importancia de proxectos coma este para fortalecer o tecido social e cultural local. Durante o acto de benvida, os políticos locais tamén explicaron o seu traballo na promoción da participación democrática e o apoio a asociacións comunitarias, facendo especial fincapé na relevancia da mocidade como motor de cambio e desenvolvemento.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO


Os participantes amosaron gran interese en coñecer de preto as políticas locais, facendo preguntas sobre a implicación da xuventude en Ribadavia e os esforzos para fomentar a súa participación na toma de decisións. Os representantes do goberno local destacaron que proxectos coma este axudan a revitalizar a comunidade, especialmente en temas como a fixación de poboación e o impulso de actividades culturais e educativas. Para o alcalde de Ribadavia, César Fernández, é “unha honra ser sede deste intercambio europeo no que a temática fundamental é precisamente a participación das persoas máis novas na vida social e política dunha comunidade”. Cré o rexedor que nese ámbito Ribadavia ten moito que aportar, pois “sempre se caracterizou por ter unha sociedade moi viva e dinámica”, algo que agora, grazas a esta iniciativa, poden compartir con “persoas de otros país, ao tempo que tamén elas nos poden amosar a nos diferentes formas de participación”.

Ao longo dos próximos seis días, pois o intercambio rematará o día 22, os mozos e mozas participarán en diversas actividades formativas e culturais. Entre os eventos programados destaca, hoxe, a ‘Noite Intercultural’, onde cada país participante presentará a súa cultura a través de danzas, música e degustación de pratos típicos. Esta actividade é unha das máis esperadas, pois promove o intercambio cultural e a creación de lazos entre os mozos e mozas de diferentes procedencias. Mañá será a quenda da ‘Ximcana de Descubrimento en Ribadavia’, unha busca do tesouro que permitirá aos participantes coñecer mellor a historia e os monumentos da vila, fomentando a integración cultural e o traballo en equipo. Os equipos terán que resolver pistas relacionadas coa cultura local e interactuar cos veciños, convertendo a experiencia nun reto educativo e divertido.

Para o mércores, día 20, está previsto o ‘Círculo de Debate sobre Cidadanía Activa’, unha dinámica de discusión na que os participantes, divididos en grupos, debaterán sobre os valores da cidadanía activa e as características dun cidadán comprometido. Este evento busca fomentar o pensamento crítico e o intercambio de ideas, permitindo que os mozos expresen as súas visións e propostas. O xoves, día 21, os participantes farán unha visita á Casa do Concello, onde terá lugar a cerimonia nas que se lles fará entrega dos certificados Youthpass, recoñecendo as súas aprendizaxes e competencias adquiridas durante o proxecto. Será unha oportunidade para que os mozos coñezan de primeira man o funcionamento das institucións locais e interactúen coas autoridades.


O evento continuará ata o venres 22 de novembro, cun completo programa de actividades que inclúe xogos de rol sobre sistemas políticos, dinámicas de educación non formal e sesións de reflexión en grupo. A organización agarda que esta experiencia contribúa a fortalecer o compromiso dos participantes coa democracia e a cidadanía activa, ofrecéndolles novas ferramentas e coñecementos para aplicar nas súas comunidades.