Manuel Baltar define o Rally de Ourense como “un proxecto de todos e un emblema que supera os límites da provincia”

-12.00 horas: Presentación do 55º Rally de Ourense.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participa na presentación da 55 edición do Rally de Ourense. Tamén partidipan José Ramón Lete Lasa (Secretario Xeral para o deporte), María Lanzón (Representante da Real Federación Española de Automovilismo), Jano Fraga (Presidente da Escudería Ourense), Gonzalo Pérez Jácome (Alcalde de Ourense), entre outras autoridades e amantes do motor.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación da 55 edición da proba, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño cun tramo cen por cen urbano, a presenza do recen restaurado Alpinche e a volta do parque pechado ao seu lugar orixinal: o parque de San Lázaro da capital

O presidente da Deputación asegurou que “manterá a súa aposta contundente polo Rally de Ourense”, apoio que enmarcou na estratexia do goberno provincial pola conxunción do deporte e o turismo

AVANTAR ACTIVIDADES

O rally terá un percorrido de 500 quilómetros, 150 de tramos cronometrados e 11 especiais, “cun dispositivo humano de máis de 800 persoas”, detallou o presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación do 55 Rally de Ourense-Recalvi, unha edición de especiais características por ser a primeira que se celebrará con absoluta normalidade trala pandemia, a primeira vez que inclúe no seu trazado un tramo cen por cen urbano, no que se poderá ver de novo ao recen restaurado Alpinche, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño regresando ás datas de sempre e onde o parque pechado volverá a estar situado no seu lugar orixinal: o parque de San Lázaro da capital.

A este último aspecto referiuse durante a presentación da proba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacando que se trata “dunha magnífica iniciativa por recuperar a esencia e alma do rally”. Unha competición que definiu como “un proxecto de todos e un emblema que supera os límites da provincia, de Galicia e mesmo de España”. O presidente fixo un recoñecemento expreso en nome da Deputación “ao traballo, o esforzo e o compromiso de moitísima xente”, cunha especial mención “á máxima cooperación de todas as administracións públicas e á colaboración privada que tamén cre neste proxecto”.

A Deputación, sinalou Manuel Baltar, “manterá a súa aposta contundente polo Rally de Ourense”, un apoio que tamén se enmarca na estratexia do goberno provincial pola conxunción do deporte e o turismo, “agora neste caso unindo o territorio mellor conectado de Galicia cunha competición de alta velocidade”.

Xunto ao presidente da Deputación tamén asistiron á presentación do 55 Rally de Ourense o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; alcaldes, alcaldesas e edís dos oito concellos polos que tamén discorre a proba; a xerente do Inorde, Emma González; a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; representantes das firmas patrocinadoras e dos corpos e forzas de seguridade do Estado, entre outros. 

“A envexa de toda España por apoio e organización “

Todo eles recibiron o agradecemento do presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga. “Somos a envexa de toda España por apoio e organización”, afirmou para destacar todo o respaldo que reciben para organizar unha proba que este ano terá un percorrido de 500 quilómetros, 150 de tramos cronometrados e 11 especiais, “cun dispositivo humano de máis de 800 persoas que velarán pola seguridade e a celebración do rally”.

Gonzalo Pérez Jácome anunciou pola súa banda que o Concello de Ourense entregará un trofeo especial para os pilotos ourensáns no que será, afirmou, “o mellor rally da historia, un espectáculo que reunirá a milleiros de persoas e cunha enorme repercusión”. José Ramón Lete Lasa puxo énfase entre tanto nas orixes do rally e no fundador da escudería e da proba, Estanislao Reverter, “un auténtico alquimista que converteu o metal nunha icona como o Alpinche e que volverá a rodar nunha das mellores probas do circuíto nacional”.

No acto tamén interveu a directora de Relacións Institucionais da Real Federación Española de Automobilismo, María Lanzón, que cualificou o Rally de Ourense como “único, especial e consolidado no calendario nacional, e que ademais de contar cos mellores equipos e pilotos marcará o ecuador do Supercampionato de España, que logo desta proba continuará en setembro”.