- A Subdelegación do Goberno en Ourense organizou un acto institucional conmemorativo do 25N, que incluíu a lectura dun manifesto, no que se lembrou que neste 2024 se cumpren 20 anos da aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, así como a importancia da aprobación do Pacto de Estado en 2017
Ourense, 25 de novembro de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá o acto institucional que a Subdelegación ourensá organizou para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Durante o mesmo, Eladio Santos e a xefa da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación, Josefina Rodríguez, procederon á lectura do tradicional manifesto, no que se destacou que “este 28 de decembro, España celebrará 20 anos dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Unha Lei que marcou e consolidou un cambio de paradigma respecto á violencia de xénero, ao considerala, de maneira formal, unha cuestión de Estado”. Nel, tamén se lembrou que “a crecente concienciación da sociedade, así como o impulso do movemento feminista, propiciou a firma do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2017, que representa o gran consenso que existe en España para loitar de forma unánime e firme contra esta violencia”.
Non obstante, as cifras falan por si solas: 1.286 mulleres foron vítimas mortais da violencia de xénero dende 2003 (41 en 2024), 465 menores quedaron orfos dende 2013 (32 este ano) e 61 menores foron asasinados por violencia de xénero dende 2013 (8 neste 2024).
E precisamente en relación a estes datos, xunto ás últimas noticias coñecidas sobre presuntos casos de violencia de xénero que aínda están sen confirmar polas autoridades, o subdelegado do Goberno, durante a súa intervención, fixo fincapé en que “cando remate este acto seguramente veremos unha nova detención por unha presunta agresión a unha muller. Ante esta situación, é obxectivo prioritario do Goberno a loita contra a violencia de xénero. As institucións deben dar resposta ás vítimas”, sinalou.
A este acto institucional, que contou coa actuación musical de Lorena e María, e coa performance “Porque te quere”, asistiron tamén representantes do Concello de Ourense, Garda Civil, Policía Nacional, organismos da Administración Xeral do Estado e funcionarios públicos.