- O delegado territorial explicou que no obradoiro de emprego ‘Búbal IV’ a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 420.928 euros na formación de 20 alumnos – traballadores no módulo de actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (7) actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (7) e atención sociosanitaria a domicilio (6).
- Manuel Pardo lembrou que Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego con 27 axudas
- Os obradoiros duais son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social
Ourense, 02 de decembro de 2024.– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Monterrei para, acompañado do seu alcalde, José Luís Suárez, o alcalde de Cualedro, Luciano Cuquejo, e Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, inaugurar o obradoiro de emprego Búbal IV, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 420.928 euros na formación de 20 alumnos – traballadores no módulo de actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (7), actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (7) e atención sociosanitaria a domicilio (6).
Manuel Pardo lembrou que Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego. Deste xeito, a Xunta concedeu axudas a 27 obradoiros a Ourense, 22 á Coruña, 20 a Pontevedra e 17 a Lugo. Máis de 36 millóns de euros que beneficiarán máis de 1.700 persoas a través da realización de arredor de 90 obradoiros duais en toda Galicia.
O representante do Goberno galego salientou a importancia destas medidas, que a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.
Explicou Manuel Pardo que os obradoiros duais son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
O representante do Goberno autonómico recalcou tamén que, ademais, a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna, polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación.
Actuacións a desenvolver no obradoiro `Búbal IV´
No concello de Cualedro realizaranse actuacións de mantemento da contorna da Igrexa Antiga, da fonte de Rebordondo, dos parques infantís de San Martiño, Carzoá e Vilela; das áreas recreativas da Pedrosa, Vilela, e no lavadoiro e fonte do Longo dos Montes; da ruta dos Muíños nas Mercedes; da piscina municipal; dos xardíns do Toural e do municipio; da área de descanso do peregrino de Penaverde; así como a humanización do entorno da fonte de Lamas e a consolidación de estruturas arqueolóxicas do Castro de San Millao.
No concello de Oímbra levaranse a cabo operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización como a formación dunha pérgola en Espiño, dunha barbacoa cuberta en Casas dos Montes e a construción de beirarrúa no Terrón; así como actuacións de mantemento nas áreas recreativas do Rabal, do Rosal e do Río Támega; e dos entornos da Casa do Concello, a piscina municipal e do patio interior do colexio-gardería.
No concello de Monterrei os participantes desenvolverán tarefas de mantemento nas áreas recreativas de Vences, da Pousa, de Flariz, de Infesta, e do Carregal; nos parques infantís de Esteviños, Mixós, e de Medeiros; na piscina municipal de Albarellos, no Castelo de Lobarzán e no Castro da Ceada das Chas; así como operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización como a pavimentación da rúa do Campo en Vilaza, a instalación dunha barbacoa no teleclube de Esteviños e no Centro Sociocultural Guimarei, a cubrición grellada en Flariz, a ampliación posterior do centro de interpretación do viño de Vilaza e o peche perimetral da zona cuberta na área recreativa de Vences