Francisco Fernández reuníuse co conselleiro de Presidencia e coa directora xeral do Agader

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Carballiño-Ribeiro e alcalde de Leiro, Francisco Fernández, para avaliar proxectos de interese para estas comarcas ourensás. Ademais, a xuntanza tamén serviu para tratar asuntos relacionados co desenvolvemento rural que se están a levar a cabo no concello de Leiro, entre o que destaca o polígono agroforestal de Barzamedelle, co que se mobilizarán 145,6 hectáreas de terreo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cabe lembrar que dito polígono permitirá mobilizar 145,6 hectáreas de superficie, divididas en 183 parcelas propiedade de 113 veciños, e está baseado na multifuncionalidade e biodiversidade con respecto aos usos tradicionais na comarca do Ribeiro. Neste senso, establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo e froiteiras-, de ciclo curto e sistemas agroforestais (sistemas de aproveitamento mixto fundamentalmente gandeiro e forestal -frondosas caducifolias- e, nalgún caso, algún tipo de cultivo agrícola complementario para o aproveitamento gandeiro e compatible cos outros dous).

Francisco Fernández tamén mantivo hoxe unha xuntanza co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para abordar as necesidades do municipio de Leiro e avaliar posibles vías de colaboración que, dende a Xunta, contribúan á execución dos proxectos municipais. Esta reunión enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas entidades locais a través de distintas liñas de axudas que permitiron o ano pasado o impulso de case 700 iniciativas municipais, cun investimento de 32 millóns de euros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------