Os operarios de limpeza viaria do Carballiño iniciaron esta fin de semana o periodo de traballo aberto tra-la adxudicación deste servizo municipal a empresa FCC, que contempla a dotación de máis recursos humanos e a disponibilidade de uso de maquinaria, o que supón melloras substanciais respecto de anos anteriores. Deste xeito, a brigada de traballadores, integrada agora por oito persoas comezou as súas tarefas habituais en rúas e prazas da vila, ademais de poder estrear as máquinas de varrido automático que veñen de incorporarse a esta nova campaña.
Ao respecto, a concelleira de Servizos Públicos e Xardíns, Rosa Fuentes, manifestou a súa satisfacción polas condicions da nova concesión do servizo e as posibilidades que abre para a súa mellora. “O funcionamento das máquinas vai ben e supoñen unha maior eficiencia e optimización no traballo, se ben hai beirarrúas como as da Avenida 25 de Xullo nas que haberá que retirar as xardiñeiras para facilitar o paso das varredoras”, apuntou a edil responsable deste departamento municipal.
A empresa FCC converteuse na adxudicataria do servizo de limpeza viaria no municipio do Carballiño por un periodo dun ano prorrogable a dous, ao abeiro do concurso promovido pola Concellería de Servizos Públicos, por un importe anual de 341.432 euros. O pasado venres foron presentadas os equipamentos que reforzarán o traballo do novo servizo, consistentes, para a limpeza de beirarrúas, en decapadoras; baldeadoras de alta presión e varredara mecánica con terceiro brazo e aspiración. Ademais, ponse en marcha un furgón con equipo a presión e auga quente para limpeza de manchas de graxa ou pintadas, entre outras; vehículos auxiliares de transporte para efectuar os traballos en zonas alonxadas do casco urbano; unha baldeadora mecánica de calzadas, dotada dunha pértega para uso manual nas beirarrúas, e, finalmente, sopradoras, carriños, ferramenta e desbrozadoras para bordillos.
Concello e empresa distribuiron tamén os primeiros panfletos de concienciación cidadá, coa efixie da mascota da Festa do Pulpo, ‘Octavio’ vestido con uniforme de barredor e unha imaxe dun neno e unha nena cos lemas: “As cabixas de tabaco son tóxicas e tardan moitos anos en desaparecer da natureza” e “Evita tiralas no chan e teremos un Carballiño máis limpo e sostible”.

















