O presidente provincial agradeceu tamén á Dirección Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras a súa iniciativa de recuperar este ano estas xornadas, “marco de difusión da actividade científica e investigadora deste colectivo”
Ourense, 15 de maio de 2025.
O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe ás XIV Xornadas de Enfermería, organizadas pola Dirección de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que recupera este ano as súas “Xornadas de Enfermería”, marco de difusión da actividade científica e investigadora deste colectivo.
Menor subliñou que esta iniciativa xurdiu de xeito pioneiro en Galicia, primeiro en 1988 como Premio de Enfermería do Hospital Provincial derivando en 2006 nas primeiras xornadas, decanas a nivel galego, co obxectivo de difundir os numerosos traballos presentados, ademais de abordar os temas de actualidade na profesión. “Sen dúbida, un gran traballo de divulgación dunha profesión que é fundamental nas nosas vidas”, dixo Menor, sinalando que, “sen dúbida, Ourense sempre foi berce de excelentes profesionais da Enfermería, onte e hoxe, e é algo do que nos debemos sentir profundamente orgullosos”.
O presidente recalcou que “na Deputación sempre estaremos ao carón desta profesión para colaborar, dentro nas nosas posibilidades, na súa visibilización, formación e recoñecemento. En avanzar cara os retos aos que se enfronta a Enfermería nesta era: Unha sociedade que require respostas ás súas demandas de coidado, atención, tratamento asistencial, xestión sanitaria e investigación”. Tras lembrar que hai xusto un ano conmemorábase o 50 aniversario da Escola de Enfermería promovida desde o Hospital da Deputación, sinalou que as profesionais da Enfermería “tamén son relevantes en xestión e investigación, e xornadas como esta amosan a especificación dunha profesión que é garante dun sistema de saúde de calidade”.