O Psdeg-Psoe de Ourense asesora ós retornados de Alemania que reclaman a igualdade tributaria coa prestación de dependencia española

Ourense 24/10/18 Entrevista a Luis Gulín Fotos Martiño Pinal

O colectivo de emigrantes retornados de Alemaña demanda que a prestación da dependencia alemá teña o mesmo trato fiscal que a española

O secretario provincial de emigración, Luís Gulín, comprometeuse a trasladar estas demandas aos representantes parlamentarios en Madrid para que realicen as oportunas xestións

AVANTAR ACTIVIDADES

Varios emigrantes retornados de Alemaña e familiares deles, que estes días se atopan de vacacións na provincia de Ourense, dirixíronse ao secretario provincial de emigración, Luís Gulin, para informarlle que a Axencia Tributaria está a reclamar e sancionando fiscalmente o chamado Pflegegeld (prestación económica para coidados de dependencia) polo cal cotizaron obrigatoriamente en Alemaña.

“Un dos casos é dunha persoa que se atopa nunha residencia xeriátrica e recibe a axuda máxima do estado alemán de 900 euros mensuais, a parte da súa pensión de 700 euros”, sinala Gulín. Por non declarar eses 900 euros mensuais nos últimos 3 anos, a Axencia Tributaria reclama agora a maiores 4000 euros en calidade de IRPF por considerala unha segunda pensión a maiores. “Os familiares desa persoa maior consideran inxusto que agora non teña medios para afrontar esa débeda tributaria”, apuntan dende a secretaría provincial de emigración.

O colectivo de emigrantes retornados de Alemaña informou á secretaria provincial de emigración que no país xermano esta axuda económica “é unha prestación social exenta de declarar á Facenda alemá e non tributa, mesmo é inembargable para débedas coa Axencia Tributaria e da Seguridade Social”. En España a prestación equivalente das axudas da Lei de Dependencia está tamén totalmente exenta de tributar no IRPF, independentemente da súa contía.

Polo temor ao elevado custo tributario, moitos emigrantes retornados con pensións inferiores a 1000 euros non se atreven a solicitar esta axuda da dependencia alemá á que teñen dereito, cotizaron obrigatoriamente décadas por ela e na actualidade séguenlle restando da súa pensión oficial de Alemaña un 11 por cento mensual, fagan uso ou non dese dereito.

“Para moitas familias de retornados esta axuda económica do estado alemán representaría un respiro para seguir tendo aos seus maiores na súa contorna persoal e familiar contratando unha axuda a domicilio e ter coidados dignos ou permitir a posibilidade -no caso extremo- de ingresar á persoa nunha residencia xeriátrica, todo isto sen sobresaltos e apuros financeiros”, salienta Luís Gulín.

Por parte do secretario provincial de emigración, Luís Gulin, adquírese o compromiso de trasladar estas demandas aos representantes parlamentarios en Madrid para que realicen as oportunas xestións ante os Ministerios de Facenda e da Seguridade Social.