A entidade anuncia un período de reflexión para que a revista
“manteña a súa esencia pero sexa quen de seguir sorprendendo,
motivando e inspirando”
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024.
Finaliza o 2024 e con el chega ás casas e librarías o número 15 da revista Mazarelos.
Mazarelos pecha así o quinto ano ininterrompido de edición e publicación da revista, desde
xaneiro de 2020, con tres exemplares anuais. A portada é autoría de Theresa P. Lousame
(@pampillo.store), titulada Redeira e pertencente á colección Cotiá.
A revista vén acompañada, como é habitual, de temáticas variadas relacionadas coa
historia e a cultura. Abre o número unha entrevista a Hermann Parzinger, presidente da
Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano, realizada por Mar Pereira Gómez. Coas súas
respostas podemos coñecer como é traballar en climas extremos ou como descolonizar
adecuadamente os museos. Esta temática tamén a aborda o artigo de Manuel Castelao
Ouzande, que analiza o esquecemento, a negación ou a exaltación do pasado colonial
español en África, Asia e América.
Outros dous artigos céntranse na sociabilidade durante o franquismo, mais en etapas
diferentes. Nerea Garrido Casado analízaa dende unha ollada relixiosa durante a
posguerra, tomando o caso de Maceda como protagonista e centrándose en aspectos como
as festas do verán nesa bisbarra ou o grao de aceptación popular deste novo paradigma
social. Máis adiante, Alexandre Varela Rubín lévanos ata o tardofranquismo para coñecer
mellor unha realidade que hoxe nos sorprende: os teleclubs, espazos onde ver a TV antes
de que fose accesible economicamente ao público xeral, e o seu papel na conformación de
lazos comunitarios, así como o control exercido polo aparello franquista.
Dous artigos lévannos un pouco máis atrás no tempo. Un deles é o de Paloma Fachal
García, o cal está centrado tematicamente en analizar o relicario Caput Argenteum e outras
representacións do apóstolo na Catedral de Santiago. Así mesmo, Ana M. Sixto Barcia
trasládanos aos séculos XVIII e XIX para achegarnos ao estado da educación,
especialmente da feminina, na Galicia a cabalo entre a Idade Moderna e a Idade
Contemporánea.
A entrevista deste número está protagonizada por Bruno Arias e Lidia Veiga, director e
actriz no filme Os espazos en branco, o cal amosa a ollada subxectiva de Bruno cara á súa
tía, a escritora Xela Arias, á cal apenas coñeceu. A partir de aí conversan sobre o papel da
mocidade no cinema, a oferta en plataformas dixitais ou a presenza cultural no rural.
En penúltimo lugar, no marco do tradicional artigo dedicado a unha asociación ou entidade,
Rocío Castro preséntanos a Casa de Rosalía, sita en Padrón, unha das institucións
culturais máis importantes do país en número de actividades pero tamén polo seu
simbolismo histórico.
Finaliza a revista número 15 dúas recomendacións editoriais elaboradas por Arturo Real
López e Adrian Feijoo Sánchez.
«Bruarán novos ventos»
Mazarelos aproveita o editorial, titulado con esas palabras, para anunciar que abre unha
pequena pausa na publicación da revista. Considera positiva a traxectoria até o de agora ao
ter contribuído a cubrir un oco na divulgación histórica dentro do panorama cultural galego,
con máis de 300 artigos publicados entre a web e a revista en papel. Pero, advirte, “vivimos
tempos marcados pola velocidade, pola urxencia e pola caducidade acelerada das ideas e
dos proxectos”.
Por iso, a entidade considera necesaria unha pausa na cal repensar a revista para “que
manteña a súa esencia pero sexa quen de seguir sorprendendo, motivando e inspirando”.
Esta reflexión incluirá un proceso de escoita e debate coas persoas interesadas nos
contidos da revista en papel e da web para “coñecer o que esperades desta iniciativa e
integrar as vosas ideas nesta nova etapa”, o cal se detallará nas vindeiras semanas.