Rosendo Fernández, secretario xeral do PP de Ourense: “César Fernández fixo un labor encomiable cun goberno que facía moitos anos que non se vía en Ribadavia”

Tralo relevo na alcaldía logo da moción de censura, Rosendo Fernández afirmou que “estaremos expectantes para ver o que dá de se esta coalición que non foi quen de entenderse hai dous anos, pero que agora dá un paso sen sentido, sen pes nin cabeza e sen motivacións”.

Publicidade

O secretario xeral do Partido Popular de Ourense, Rosendo Fernández, cualificou hoxe a xestión do ata o de agora alcalde de Ribadavia, César Fernández, como “un labor encomiable cun goberno estable que facía moitos anos que non se vía neste  concello”, agradecendo en nome do PP ourensán “o exemplo que supuxo para o noso partido como persoa comprometida co seu territorio e as súas xentes”.

Nestes dous anos, dixo Rosendo Fernández, o alcalde popular de Ribadavia “foi capaz de manter un goberno estable e sólido grazas ao que conseguiu destacados investimentos e o compromiso de administracións como a Xunta e a Deputación para realizar necesarios proxectos, grazas tamén á súa capacidade de colaboración institucional”.

A partir de agora e tras a substitución na alcaldía despois da celebración esta mañá do pleno de moción de censura, o secretario xeral popular afirmou que “estaremos expectantes para ver o que dá de se esta coalición que non foi quen de entenderse hai dous anos, pero que agora dá un paso sen sentido, sen pes nin cabeza e sen motivacións”.

Para Fernández, “Ribadavia ten agora un goberno de excepción que comeza impoñendo vetos”, referíndose así ao exregidor socialista e deputado provincial, Ignacio Gómez, “que foi o muñidor da moción, pero que quedou sen absolutamente nada porque non o querían de alcalde”.