O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu debate por parte da Corporación Municipal na vindeira sesión plenaria e na que solicita se informe do proceso de ampliación da Área Industrial do Carballiño. Concretamente, piden “se convoque unha reunión de toda a Corporación do Carballiño coas partes implicados para dar conta da situación actual do proxecto de ampliación do Parque Empresarial”.
Lembran que agora se cumplen 10 anos da chegada de Francisco Fumega á Alcaldía carballiñesa e que “a sensación de que o noso pobo leva esa década nun estado parálise case absoluto é xeneralizada entre a meirande parte da veciñanza“. Poñen coma exemplo a ampliación da área industrial, un proxecto que Fumega marcaba no 2015 “coma prioritario, pola inxección económica que debía supor; creación de gran número de empregos, captación de poboación xove coa conseguinte mellora demográfica ou consolidación coma eixe industrial da Galicia interior“, subliñan dende Espazo Común.
Sen embargo, apuntan que “a realidade semella empeñada en demostrar que este goberno agora reforzado polo PP só vive dos contos“ e que, neste mes de maio de 2025, “aínda non hai prácticamente nada avanzado, só sabemos que (de facerse) o 80% dese parque será no municipio de Maside“.