Esta primavera, Ribadavia convida a veciños e visitantes a gozar dun percorrido gastronómico único coa celebración da ‘Ruta de Pinchos de Primavera’, que terá lugar os días 23 e 24 de maio, en horario de 20,00 a 22,00 horas. Durante estas dúas xornadas de venres e sábado, un total de 14 establecementos hostaleiros da vila ofrecerán pinchos especiais creados para a ocasión. Os locais participantes están divididos en dous grupos. No primeiro grupo participan Garden Lodge, Rogelio, Pintamonas, Alaba’O, Kopa, O Morto e Treixadura. No segundo grupo forman parte Delicatessen, O Birrán, Plaza, Huella del Gato, Marilagar, Salto del Ángel e The Boot.
As persoas que visiten un mínimo de 10 dos 14 locais, asegurando a presenza en polo menos cinco de cada grupo, poderán participar no sorteo de agasallos, como recoñecemento á súa implicación e apoio á hostalaría local. Esta iniciativa busca dinamizar a vida social e comercial de Ribadavia, convertendo as rúas e bares da vila nun espazo de encontro, sabor e celebración.
A ‘Ruta de Pinchos de Primavera’ consolídase así como unha das citas gastronómicas máis destacadas do calendario local, ofrecendo unha oportunidade perfecta para descubrir novos sabores e desfrutar do ambiente único que ofrece Ribadavia nesta estación.