Manuel Rivas, premio Losada Diéguez de creación literaria, sinala a situación de “emerxencia” da lingua galega entre as novas xeracións

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O pazo de Moldes acolleu a entrega da 40ª edición dos premios Antón Losada Diéguez, un evento impulsado polo Concello do Carballiño e o Concello de Boborás que conta co apoio da Deputación e que permite recordar cada ano a figura do escritor de Boborás, ademais de poñer en valor a literatura galega actual. Manuel Rivas, escritor e xornalista, recolleu o galardón na categoría de creación literaria pola súa última novela, “Tras do Ceo”. Pola súa parte, o músico, profesor e escritor Alberto Pombo recibiu o premio na modalidade de investigación e ensaio polo traballo “Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000)”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Con esta edición do premio, son xa 73 os autores e autoras galardoados nas modalidades de creación literaria e investigación. Hai sete que obtiveron o premio en dúas ocasións, entre eles, Manuel Rivas, que hoxe recibiu, precisamente, o segundo galardón. Na súa intervención, Manuel Rivas agradeceu o recoñecemento do xurado e puxo en valor a creación literaria en galego. Nesta liña, sinalou a súa inquedanza ante a situación “de emerxencia” que vive a lingua galega. “É unha cultura e unha lingua afeita a navegar na treboada, pero está producíndose unha perda de transmisión entre xeracións, hai moita xente nova que está afastada do galego, que non o vive, e claro, é o noso tesouro cultural”, reinvidicou. Porén, apuntou a “creatividade extraordinaria” que se está vivindo en ámbitos artísticos como a música, a literatura ou o audiovisual. “Creo que é esta vangarda a que vai facer que a cultura galega non desapareza”, asegurou.

Pola súa parte, Alberto Pombo referiuse á importante relación que se establece entre a música, a literatura e a lingua, e o impacto do uso do galego nestes campos culturais. Nun discurso que emocionou a todas as persoas que asistiron ao acto, lembrou que a súa avoa non sabía ler nin escribir, pero recitaba de memoria ducias de poemas de autores galegos grazas ás cancións e á música.

O acto contou coa participación dos familiares de Antón Losada Diéguez; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Javier Vázquez, tenente alcalde de Boborás, e os concelleiros do Carballiño Diego Fernández, responsable da Área de Cultura, que entregou unha dos premios e substituíu ao alcalde, que non puido asistir, e Miguel Fernández e as concelleiras Rosa Fuentes e Lorena Castro.

Precisamente Diego Fernández, que presidiu o xurado do premio, fixo un chamado a escribir e publicar en galego, pero tamén a ler, pois con este premio, “ademais de comprometernos coa nosa lingua, tamén buscamos un estímulo para a lectura, a reflexión e a creatividade como forma de mellorar o mundo no que vivimos”.

Pola súa banda, José López Campos, salientou que os Concellos de Boborás e O Carballiño demostran, ao convocar este certame, “a implicación das administración locais co fomento e recoñecemento da nosa cultura e das persoas que na actualidade seguen a enriquecela e a traballar a prol do seu crecemento”.

Carlos Rodríguez Calvo, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, foi o mantedor do evento. Na súa intervención referiuse a Chamoso Lamas de a Antón Losada Diéguez como “dúas figuras sobranceiras vencelladas con estas terras que contan cun gran patrimonio histórico, cultural e natural. Un patrimonio que hai que preservar e poñer en valor”.

Antes da entrega de premios tivo lugar unha misa na igrexa de San Mamede de Moldes e unha ofrenda floral ao intelectual e escritor de Boborás e a Chamoso Lamas no cemiterio parroquial. O Orfeón do Carballiño, dirixido por Cristian Casas, e o grupo da Escola de Gaitas do Irixo amenizaron a xornada cun recital de pezas galegas, para rematar coa interpretación do Himno Galego.