“Foron moitos os seus méritos para mellorar a propia formación do profesorado ourensán e incluso participou e impulsou a posta en marcha da UNED na nosa cidade. Ademais, formou parte de numerosos proxectos de investigación, tanto a nivel local como autonómico e nacional, para acadar a innovación docente”, expón a voceira do PSdeG, Natalia González
A piques de facer dous anos do seu pasamento, as e os edís socialistas insisten en que o Concello inicie o expediente de honra non só para recoñecer o seu labor no desenvolvemento da cidade, senón tamén o doutros persoeiros e entidades que aínda están pendentes neste 2025
Ourense, 18 de xuño de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense reiteran a súa petición para que o goberno municipal dea inicio ao expediente de honra de Alfonso Cid Sabucedo, compañeiro de partido falecido o pasado 26 de xullo de 2023, e cuxa iniciativa tamén foi promovida por diferentes personalidades e colectivos da cidade, así como por profesionais do eido académico e universitario de Galicia.
As e os edís do PSdeG insisten en que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome debe promover a apertura dun expediente de honra encamiñado a obter a concesión da medalla de ouro, a título póstumo, a Alfonso Cid Sabucedo pola súa recoñecida traxectoria e a súa firme defensa da ensinanza pública.
“Foron moitos os seus méritos para mellorar a propia formación do profesorado ourensán e incluso participou e impulsou a posta en marcha da UNED na nosa cidade. Ademais, formou parte de numerosos proxectos de investigación, tanto a nivel local como autonómico e nacional, para acadar a innovación docente”, expón a voceira do grupo do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, que esta mañá asistiu ao acto de inauguración dunha placa que tivo lugar no campus universitario da cidade.
Alfonso Cid Sabucedo foi mestre nacional e catedrático da Escola Universitaria, profesor deste centro e da actual Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Ademais de militante do PSdeG-PSOE en Ourense e concelleiro de facenda tralas eleccións municipais de 1991 formando parte do equipo de goberno do alcalde Manuel Veiga Pombo.
A piques de facer dous anos do seu pasamento, as e os edís socialistas insisten en que o Concello de Ourense inicie o expediente de honra non só para recoñecer o seu labor imprescindible no desenvolvemento da cidade, senón tamén o doutros persoeiros e entidades que aínda están pendentes neste 2025 e da man de todos os grupos políticos.