Gabriel Alén subliña os cursos de formación da Xunta como un aval na especialización das persoas traballadoras

IES CHAMOSO LAMAS
  • O delegado territorial explicou que esta orde enmárcase dentro das iniciativas destinadas a impulsar o emprego estable e de calidade e a acadar un novo modelo produtivo de Galicia
  • O representante do Goberno galego sinalou que a provincia de Ourense conta con  7.529.345,73€ para apoiar o desenvolvemento da formación para desempregados
  • Esta iniciativa permite o desenvolvemento de 194 accións formativas, programadas para dar formación a 2.910 persoas
  • Os alumnos e alumnas que participen nas accións formativas poden acceder, ao remate, aos certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Formación de COASA; un dos centros beneficiarios do Plan Formativo para o Emprego, en concreto para o desenvolvemento de dous cursos na especialidade de fabricación de elementos aeroespaciais con materiais compostos, cada un deles cun orzamento de 68.632,50€, e nos que un total de 30 alumnos estarán a formarse ao longo do ano 2022.

O delegado territorial explicou que esta orde enmárcase dentro das iniciativas destinadas a impulsar o emprego estable e de calidade e a acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento e que teñen como obxectivo reforzar a formación e especialización das persoas traballadoras ao longo da vida laboral, aumentando as súas competencias profesionais, e mellorar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e ás empresas.

OZOCOgz Deseño Galego

Deste xeito, sinalou Gabriel Alén, que a provincia de Ourense conta, a través da convocatoria do 2021-2022 con 7.529.345,73€ para apoiar os cursos de formación para desempregados, o que está a permitir o desenvolvemento de 194 accións formativas, programadas para dar formación a 2.910 persoas en familias como a de administración e xestión, actividades físicas e deportivas, agraria, comercio e márkéting, electricidade e electrónica, edificación e obra civil, fabricación mecánica,   servizos socioculturais e á comunidade, sanidade ou transporte e mantemento de vehículos.

A Xunta sigue a apostar por orientar a formación para o emprego cara ás necesidades do mercado de traballo. O obxectivo é a mellora das oportunidades laborais dos galegos e galegas, da súa formación e da competitividade empresarial, así como a creación de emprego de calidade. A través da iniciativa impúlsase a aula virtual grazas ao novo Campus Virtual de Galicia que puxo en marcha a Consellería de Emprego e Igualdade para facilitar o acceso á cualificación dos galegos e galegas e garantir tamén a saúde dos alumnos e alumnas pola covid-19. O primeiro campus virtual é unha demanda da sociedade e do tecido empresarial galego co que se pretende impartir en tempo real de xeito virtual a formación para o emprego. Búscase acercar a formación a todo o territorio galego e a aqueles alumnos e alumnas que teñen dificultades para desprazarse.

Así mesmo, a Xunta coa formación para o emprego está a potenciar a realización de cursos dirixidos a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida e no caso da formación para desempregados en centros acreditados inclúese como beneficiario e colectivo prioritario da formación aos traballadores afectados por expedientes temporais de regulación de emprego (Erte).

Ademais, no caso da orde para desempregados admítese a participación de ata un 30% de ocupados, sempre e cando non se cubran as prazas con desempregados, e viceversa no caso da orde dirixida á formación para traballadores en activo co fin de completar o 100% das prazas.

Certificados de profesionalidade

Os alumnos e alumnas que participen nas accións formativas poden acceder, ao remate, aos certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado. Desde o ano 2011, a Xunta mantén unha aposta decida pola formación certificable co obxecto de que a formación para o emprego conte cuns niveis de calidade e excelencia demandados na actualidade.

Os cursos versan sobre diferentes especialidades sendo as que teñen maior demanda as de informática e comunicacións, servizos socioculturais, comercio e márketing e administración e xestión. Tamén impártense cursos sobre artes gráficas, actividades físicas e deportivas, imaxe persoal, sanidade, seguridade e medio ambiente, téxtil ou edificación e obra civil, entre outros.

En definitiva, o Goberno galego busca coa formación para o emprego incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e dar resposta á necesidade das empresas de contar con traballadores cualificados adaptando a formación dos traballadores ás súas necesidades.