Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG demandan ao Goberno de Sánchez que reforme o sistema de financiación local e permita aos concellos empregar os superávits orzamentarios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Máis dunha trintena de rexedores galegos participaron hoxe en Madrid nunha concentración convocada pola FEMP

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

●       “Somos moitos os concellos que temos superávit pero non podemos destinalo a investimentos porque o Executiva central mantén retidos e bloqueados eses cartos que son dos veciños e que queremos gastar nos veciños”, explica Carlos Martínez

●       O alcaldes populares denuncian a situación de “asfixia financeira” que viven os gobernos locais e reclaman solucións que garantan que os concellos e deputacións sigan prestando servizos de calidade á cidadanía

18 de xuño de 2025. Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG demandan ao Goberno de Sánchez que desbloquee o uso do superávit orzamentario dos concellos para “poder gastar nos veciños os cartos dos veciños” e que se aborde de xeito urxente e definitivo a reforma do sistema de financiamento local.

Estas foron dúas das principais reclamacións na concentración que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) convocou esta mañá en Madrid e na que estiveron presentes máis dunha trintena de representantes do municipalismo galego. Entre eles o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o alcalde de Poio e portavoz do PPdeG na Fegamp, Ángel Moldes, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente provincial de Ourense e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o presidente provincial de Pontevedra, Luis López.

Carlos Martínez, que tamén é membro da Xunta de Goberno da FEMP, asegurou que precisamente o anuncio desta convocatoria foi clave para que o Goberno central desbloquease onte o Real-Decreto lei que actualiza as entregas a conta para 2025 e o abono das liquidacións de 2022. Aínda que, tal e como explica, non se fixo nos termos previstos inicialmente.

“Díxose que se ía incrementar a contía dos anticipos en torno a un 12% e un 13%, pero ao final ese incremento queda reducido a un 9%”, denuncia apuntando a que isto repercutirá negativamente nas contas municipais na medida en que “moitos concellos fixeron os seus orzamentos contando co incremento previsto”.

O decreto aprobado onte, lamentablemente, non incluíu unha cuestión que para os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular é fundamental tamén para a sostibilidade financeira dos concellos: o uso dos seus superávits orzamentarios.

“Somos moitos os concellos que temos superávit pero non podemos destinalo a investimentos porque o Goberno central mantén retidos e bloqueados eses cartos que son dos veciños e que queremos gastar nos veciños”, explicou ao tempo que insistía na demanda de que se desbloquee o gasto deses fondos.

O rexedor de Vedra pediu en último lugar a convocatoria da Comisión Nacional da Administración Local para “que se debata dunha vez o sistema de financiación local dos municipios”. Xa que, tal e como denuncian el e o resto de alcaldes populares, os gobernos locais están atravesando “unha situación de asfixia financeira” e é necesario que o Goberno central ofreza respostas e solucións para garantir que os concellos e deputacións poidan seguir prestando servizos de calidade á cidadanía.