A Academia Galega do Audiovisual e Maribé Revilla, premios de ‘Honra’ e ‘Muller e Viño’ do C.R.D.O. Ribeiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A unha semana da celebración da gala de entrega dos XIV Premios D.O. Ribeiro, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro deu a coñecer quen será este ano os distinguidos cos galardóns ‘Premio de Honra’ e ‘Muller e Viño’, que se sumarán ao resto de premiados no acto previsto para o próximo día 26 de xuño, ás 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Así, a Academia Galega do Audiovisual, fundada en 2002 para fomentar o desenvolvemento das artes relacionadas co audiovisual en Galicia, promovendo e defendendo a imaxe pública do conxunto dos profesionais do sector, recibirá a distinción ‘Premio de Honra’. Un galardón co que a Denominación de Orixe Ribeiro quere recoñecer, segundo explica a súa presidenta, Concha Iglesias, “o seu traballo durante décadas a favor da visibilización, dignificación e fortalecemento dunha das máis poderosos ferramentas de creación e comunicación do noso país, como é o audiovisual”.

“Con este premio queremos celebrar a súa traxectoria”, afirmou, “pero tamén o seu papel como espello e altofalante da nosa realidade, porque as historias que nacen do Ribeiro merecen ser contadas, filmadas, difundidas e vividas. E a Academia foi clave para que esas historias teñan espazo, recoñecemento e futuro”.

Pola súa banda, Maribé Revilla, alma mater xunto a Paco Berciano das vinotecas El Lagar de Burgos e La Tintorería de Madrid, e da distribuidora e importadora Alma Vinos Únicos, coa que ademais organizan un dos eventos vinícolas máis importantes de España, será a distinguida nesta edición co premio ‘Muller e Viño’.

ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL, ‘Premio de Honra’

Creada en 2002, a Academia Galega do Audiovisual é unha asociación sen ánimo de lucro

que agrupa a máis de 500 creadores e profesionais do audiovisual galego. Presidida na actualidade pola actriz Lucía Veiga, entre as súas principais actividades destaca a organización anual dos Premios Mestre Mateo do audiovisual, María Luz Morais de ensaio e videoensayo, e o Premio José Sellier, ademais da Semana do Cinema Galego, o Ciclo Mestre Mateo, o Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), os Lugares de Interese Cinematográfico (LIC) e o Foro Academia Aberta.

Ademais, tamén conta cunha intensa programación anual de publicacións, talleres e debates cuxo obxectivo é fortalecer o coñecemento do audiovisual galego no máis amplo sentido, e poñer o seu gran de area para que a sociedade coñeza e valore o traballo dos profesionais do audiovisual galego.

MARIBÉ REVILLA, Premio ‘Muller e Viño’

Maribé Revilla é, xunto á súa parella Paco Berciano, un dos nomes máis populares do viño en España, sendo pioneira no seu sector. Seus son proxectos como a vinoteca El Lagar de Burgos, unha das primeiras tendas de España dedicadas en exclusiva á venda de viños, que comezou a súa andaina en 1988 e que máis tarde se estendeu á importación e exportación cun almacén en Villalonquéjar, e a vinoteca La Tintorería de Madrid, que abriu as súas portas en 2011.

Ademais, Maribé Revilla é unha das fundadoras, xunto a Paco Berciano e Telmo Rodríguez, da distribuidora e importadora Alma Vinos Únicos, fundada en 2000 co obxectivo de distribuír en España viños de especial calidade e personalidade, traballando “con aqueles adegueiros que sexan capaces de expresar a natureza da súa terroir e crear un viño único e persoal, que transmita paixón”. Un equipo que se completaría aos poucos con César Ruiz, Flequi Berruti, Nacho Jiménez e Pepe Morató e que conseguiu que Alma Vinos Únicos fose considerada durante tres anos seguidos como a Mellor Distribuidora de España.

Ademais, no ano 2000 celebraron a primeira edición de ‘El Alma de los Vinos Únicos’, un dos eventos vinícolas máis importantes dos que se desenvolven en España, e que acaba de celebrar o seu 25 aniversario con gran éxito, captando a miles de afeccionados ao redor da cultura do viño coas súas propostas. Cabe destacar que unha das grandes apostas da distribuidora foi desde sempre Galicia, da que valoran moi positivamente os seus viños “de grolo longo”.

GALA. No transcurso da gala entregaranse tamén os premios Vida entre Vides á viticultora e ‘colleiteira’ Elisa Collarte; Ribeiro en Nós á Fundación Expourense e Mellor Tarefa de Comunicación á revista dixital especializada Vinetur, ademais de aos locais de hostalería Portovello, Mellor Taberna-Bar de Viños; Xadigal, Mellor Vinoteca-Tenda Especializada e Amaragotas, Mellor Servizo de Viño en Restaurante.

A gala estará conducida polo dúo humorístico Sobria y Serena, formado polas actrices Arantxa Treus e Jazmín Abuín.