O día da xuventude chega ao Carballiño con numerosas actividades gratuitas de ocio educativo

  • Desde as catro da tarde e ata as nove da noite, a xente nova poderá desfrutar de obradoiros sobre cociña saudable, graffiti, protección do medio ambiente, igualdade de xénero ou empregabilidade
  • Xa se coñecen todas as paradas deste evento ata o mes de maio

Carballiño (Ourense), 2 de abril de 2023.- O Día da Xuventude chega este domingo á Praza maior do Carballiño para ofrecer á mocidade actividades de ocio e de formación durante toda a xornada. A Xunta de Galicia está levando esta iniciativa a unha trintena de concellos de Galicia desde comezos de ano e ata o mes de maio.

O Día da Xuventude nútrese dunha ampla programación para o entretemento e aprendizaxe de mozas e mozos. Así mesmo, este programa favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde as catro da tarde e ata as nove da noite, a xente nova que se achegue poderá participar en obradoiros dinámicos de cociña saudable, graffiti, igualdade de xénero, protección do medio ambiente e empregabilidade. Tamén haberá espazo para xogos e un concerto a cargo do grupo Percurar. Todas as actividades son de balde.

As últimas paradas

Este programa, posto en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude, xa visitou unha vintena de localidades de toda a Comunidade. Despois de celebrarse no Carballiño recalará en Lalín, o 15 de abril, de 16 a 21 horas na Praza da Igrexa; en Negreira o 16 de abril, de 10 a 15 horas na Praza do Concello; en Verín, o 22 de abril, de 16 a 21 horas na Praza García Barbón (Praza Maior); e en Arzúa, o 6 de maio de 16 a 21 horas na Praza do Concello.