Eladio Santos enxalza o labor de divulgación da Garda Civil, “fundamental para previr riscos nas actividades no medio natural”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 O subdelegado do Goberno sinala que actividades como o Campamento de Espeleoloxía Infantil Águilas Verdes “fomentan o deporte e transmiten valores esenciais para o respecto polo medio ambiente”

§  Santos explicou que a iniciativa se enmarca no Plan Director do Ministerio do Interior, “unha ferramenta imprescindible, con capacidade para chegar á mocidade”

§  Felicitou aos organizadores por promocionar o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, “un tesouro de biodiversidade e paisaxe”

Rubiá (Ourense), 21 de xuño de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou hoxe o labor de divulgación da Garda Civil, “fundamental para previr riscos nas actividades que se practican no medio natural”. Fíxoo na exhibición do Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) e do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil de Trives, realizada esta mañá ante os nenos e nenas do “IV Campamento de Espeleoloxía Infantil Águilas Verdes” no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá.

Na súa intervención, Eladio Santos destacou a importancia da seguridade na montaña, xa que “gozar da natureza tamén require coidala, así como coñecer os seus riscos e saber como actuar”. “Por iso é fundamental o labor de prevención e formación que realiza a Garda Civil, especialmente a través do GREIM e do SEPRONA, cuxo traballo salva vidas e xera confianza entre quen habita ou visita as zonas montañosas”, subliñou.

As prácticas como a espeleoloxía, indicou o subdelegado, “fomentan o deporte e o compañeirismo, así como a curiosidade e o coñecemento do noso patrimonio natural”. “Actividades como este campamento espertan vocacións e transmiten valores esenciais para o respecto polo medio ambiente”, sinalou.

Ademais, Santos explicou que esta exhibición do GREIM e do SEPRONA se enmarca no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas do Ministerio do Interior, “unha ferramenta imprescindible”. “Actos como este demostran a súa vitalidade e capacidade para chegar á mocidade desde o exemplo e a proximidade”, engadiu.

Finalmente, o subdelegado quixo poñer en valor o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, “un tesouro de biodiversidade e paisaxe que debemos protexer”. Por iso, felicitou ao grupo Águilas Verdes e aos nenos e nenas que participaron na actividade, porque “é fundamental promocionar este espazo tan singular e descoñecido”.