O presidente provincial, Luis Menor, destacou a “innovación e a especialización” desta formación pioneira, que contribuirá a unha provincia “máis segura”
A Deputación financia esta titulación superior, existente en poucos puntos de España
O presidente das autoescolas da provincia, Luis Nóvoa, engadiu que o ciclo formará a futuros “directores, de autoescola, formadores de educación viaria e condutores profesionais”.
Ourense, 25 de xuño de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na entrega de diplomas ao alumnado da primeira promoción de FP Dual do ciclo superior de Formación para a Mobilidade Segura e Sostible, iniciativa que contou coa colaboración da institución provincial. En total, son 14 graduados, coa participación de 13 autoescolas da provincia.
Nun acto que se desenvolveu no exterior do Pazo dos Deportes Paco Paz, Luis Menor destacou o carácter “innovador e especializado” deste ciclo financiado pola Deputación e polo que se gradúa a primeira promoción de profesionais que suporá unha oportunidade de “relevo xeracional de primeiro nivel nas autoescolas”. Ademais, ratificou o compromiso do goberno provincial para seguir impulsando este ciclo pioneiro na provincia.
“A Deputación é un instrumento útil para avanzar como sociedade, neste caso no ámbito educativo e de entrada ao mercado laboral”, sinalou o presidente. Neste sentido, felicitou ao alumnado do ciclo e auguroulles que “se van insertar moi facilmente no mercado laboral”.
Por outra banda, Menor puxo en valor a oportunidade que supón esta man de obra para as empresas do sector, a través dunha formación “orixinal e innovadora”.
Neste ámbito da Formación Profesional, o presidente provincial reivindicou proxectos como o Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros, “referente e inspiración para Galicia e para outras comunidades autónomas”.
O futuro das autoescolas
En representación dos titores, Jesús Soto agradeceu a implicación das empresas e da Deputación cun ciclo que, dixo, “é importante para o sector, porque estes rapaces son o futuro do noso traballo”.
Héctor Santalices, alumno da FP Dual, destacou o papel dos seus compañeiros como “gran de area a un sector no que hai moita profesionalidade”.
No transcurso do acto, Luis Menor tivo a oportunidade de facer un pequeno percorrido ao redor do Pazo dos Deportes, titorizado por un dos alumnos desta primeira promoción.