A Corporación Municipal do Carballiño acordou hoxe en sesión plenaria unha modificación de créditos por valor de 970.000 euros que irá destinada á elaboración de proxectos, achegas para obras subvencionadas, infraestruturas e gastos xerais do propio Concello. A operación crediticia foi aprobada polos nove votos de PSdeG-PSOE e Partido Popular, xa que tanto Espazo Común como BNG (seis votos) abstivéronse. O Pleno foi presidido polo tenente de alcalde, o popular José Castro-Gil, en ausencia do rexedor, o socialista Francisco Fumega, de baixa por temas de saúde. Tampouco estivo presente a concelleira de Educación, Lorena Castro, do PP.
O rexedor en funcións xustificou esta operación de crédito “porque hai necesidades urxentes que solucionar e dispomos dun remanente de tesourería superior aos 1,6 millóns de euros”, e tanto Sofía García, polo BNG, como Adolfo Nogueira, de Espazo Común, solicitaron do goberno municipal unha información máis detallada e concreta do destino do case un millón de euros consignado nesta modificación. Así, José Castro-Gil comentou que uns 80.000 euros irán para elaboración de proxectos; 300.000 para achegas para completar investimentos subvencionados por outras administracións; 70.000 euros para actividades deportivas e uns 38.000 que serán empregados na reposición de infraestructuras eléctricas, ademais doutras cantidades para obradoiros de emprego e as brigadas de incendios forestais.
Na mesma sesión ordinaria da Corporación, correspondente ao mes de xuño, aprobáronse por unanimidade unha declaración institucional e unha moción de Espazo Común semellante para garantir asesoramento técnico á veciñanza das localidades afectadas polo paso dunha liña de alta tensión, que servirá para evacuar a electricidade dun parque eólico previsto na Serra da Martiñá. No salón de actos da Casa do Concello congregáronse veciñas e veciños de Seoane, Madarnás, Mudelos e A Piteira, que, a partir do luns, terán a súa disposición a documentación precisa para a formulación de alegacións a este proxecto.
Tamén foron aprobadas por unanimidade unha proposta do BNG para a mellora e potenciación dos servizos municipais que promoven a conciliación familiar, persoal e laboral das familias carballiñesas, e outra moción de Espazo Común pedindo o fin da guerra e do xenocidio da poboación de Gaza. Finalmente, socialistas e populares rexeitaron a proposta de Espazo Común para a elaboración dun código ético e de conduta para o Concello, ao entender que este grupo político non era o máis indicado para esta iniciativa, tendo en conta o seu comportamento no Pleno celebrado hai unha semana.