A convivencia familiar de Special Olympics reunirá este domingo no Carballiño a 800 persoas de toda Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño volta a acoller un ano máis, e xa son 27, a xornada de convivencia familiar anual de Special Olympics Galicia, a asociación que agrupa aos colectivos de discapacitados intelectuais de Galicia, e que terá lugar o vindeiro domingo, 6 de xullo, no Parque Municipal. Serán ao redor de 800 as persoas que se acheguen ata a nosa vila dende diferentes puntos das catro provincias para desfrutar dun amplo programa de actividades de lecer na paraxe natural.

Foi precisamente no Parque carballiñés e á beira do río Arenteiro onde foi presentada na mañá de hoxe esta convivencia, nun acto que contou coa presenza de Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais; Eladio Fernández, presidente de Special Olympics; María Teresa Barge, deputada provincial de Igualdade, e Josefa Rodríguez e Manuel Amil, presidenta e directivo de Aspadisi, a entidade anfitriona. Tamén asistiron as concelleiras de Servizos Públicos, Rosa Fuentes; Medio Ambiente, Elvira Torres, e Educación, Lorena Castro, ademais de representantes de Cruz Vermella, Policía Local e Garda Civil.

Eladio Fernández lembrou os primeiros pasos dados por Fademga, aló polo ano 1992, no que foi o xérmolo desta convivencia, e a colaboración prestada polo entón concelleiro, o exalcalde Argimiro Marnotes Rodríguez, que, en agradecemento, impoñeráselle este domingo unha das medallas Special Olympics. Silvia Baranda e Teresa Barge salientaron a importancia deste tipo de xuntanzas para fomentar a visibilidade e a confraternidade coa celebración destes eventos.

Nesta “27ª Convivencia Familiar Special Olympics Galicia’ participarán 684 persoas procedentes de 19 asociacións das catro provincias, sendo 386 persoas con discapacidade intelectual, 189 familiares, 60 técnicos e 30 voluntarios destas entidades, que comezarán a chegar ao Parque municipal ao fío das 10,30 horas, que serán recibidos co saúdo das autoridades unha hora máis tarde. Despois do xantar, celebrarase o tradicional concurso de repostería; xogos de mesa; actuacións musicais, e a entrega de premios.

Actualmente, son 41 as asociacións integradas en Fademga. Entre os seus obxectivos, destaca a consecución dunha plena inclusión social, laboral e familiar das persoas con discapacidade intelectual, o fomento da constitución de asociacións, a divulgación de información que poda ser de interese ou a denuncia dos casos que vulneren os seus dereitos persoais ou sociais.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------