Deputación de Ourense e Federación de Comercio porán en marcha a primeira plataforma provincial de comercio on line

A Deputación de Ourense e Federación de Comercio de Ourense porán en marcha a primeira plataforma provincial de comercio on line. Trátase dun marketplace orientado ao comercio minorista, que estará dispoñible para dispositivos electrónicos e que permitirá a pequenos negocios dar o salto a Internet de maneira sinxela e cun custe reducido.

Publicidade

Así o avanzou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, xuntanza na que analizaron as prestacións desta plataforma, “que conta xa con máis de 330 establecementos inscritos e que será un pulo importante para o comercio local”, afirma Baltar.

A plataforma, denominada “eprox”, permite aos comerciantes incorporarse a ela de maneira gratuíta, para formar parte dunha estratexia de mercado –o comercio electrónico- que factura anualmente en España máis de 40.000 millóns de euros (datos de 2018). “eprox” ofrece aos comerciantes sistemas de tecnoloxía para a venda, identificando as preferencias dos clientes; loxística adaptada; información completa de cada negocio, e soporte técnico para todo o proceso de venda on line.

“Trátase de que nunha situación normal pero tamén nesta, extraordinaria, como é a etapa poscovid, axudemos ao comercio, como fixemos coas axudas a autónomos e Pemes de Ourense”, explica Manuel Baltar, quen analizou na conversa con Beatriz Gómez o papel de Rodríguez Villarino “en contra da economía das persoas, das familias, de milleiros de ourensáns, porque coñecemos o arquivo do procedemento iniciado como consecuencia dunha denuncia de Villarino; polo tanto, satisfacción total, legalidade desas axudas, e a seguir traballando a prol do comercio e dos comerciantes de Ourense, a pesares de Rodríguez Villarino”, afirma Baltar.

A presidenta dos comerciantes agradeceu a Baltar, ademais das axudas, o subministro de material sanitario por parte da institución provincial, que chegou a case 4.000 comercios da provincia de Ourense.

“Unha reunión satisfactoria, na liña da colaboración e da máxima cooperación, para protexer a un sector fundamental na reactivación social e económica como é o do comercio”, remarca Baltar, engadindo que o comercio de proximidade “recibiu tamén un importante apoio cando aprobamos a “tarxeta comercio” para as familias en situación de especial vulnerabilidade, o que tamén foi unha inxección importante para o comercio local”.

Manuel Baltar agarda que esta plataforma de venda on line sexa un éxito, “que nos posicione, que sexamos solidarios e que todos os ourensáns fagamos uso desta ferramenta para apostar polo máis noso: a economía provincial, as persoas que se erguen cada mañá para levantar as persianas dos seus comercios, os que abren coa máxima amabilidade, con todas as garantías e prestando un servicio extraordinario, que fai do comercio ourensán algo diferente, por positivo, por trato e por ambición. Por iso, os meus parabéns a Beatriz Gómez e á súa directiva, e que saiban que contan cun aliado en toda esta andaina, que é a Deputación de Ourense”.