A Deputación de Ourense e a Xunta farán posible a mellora da atención das emerxencias na provincia

O goberno provincial ourensá foi o único dos catro galegos que aceptou a proposta da administración autonómica que permitirá incrementar o número de efectivos e mellorar a cobertura dos servizos de emerxencias da comunidade  

Esta alianza estratéxica de colaboración entre as institucións autonómica e provincia permitirá que os GES de Ourense conten “con 16 novos efectivos e mellorar o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova e as condicións salariais dos grupos”, lembrou Plácido Álvarez 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia farán posible a mellora da atención das emerxencias na nosa provincia, converténdose na única administración provincial galega que decidiu unirse á proposta do Goberno autonómico para incrementar o número de efectivos e mellorar a cobertura dos servizos de emerxencias da comunidade. 

Esta alianza estratéxica entre a administración provincial e autonómica permitirá que os GES de Ourense “conten con 16 novos efectivos e mellorar o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova e as condicións salariais dos grupos”, lembrou p vicepresidente terceiro do goberno provincial, Plácido Álvarez. 

Deste modo, “a nosa provincia poderá gozar das melloras nas condicións dos efectivos dos servizos de emerxencias porque xa, na anterior reunión, a Deputación de Ourense aceptou estas novas medidas propostas pola Xunta, por consideralas unha mellora importante na prestación do servizo de emerxencias en Ourense, así como nas condicións dos seus efectivos”, dixo Plácido Álvarez. 

O vicepresidente terceiro do goberno provincial explicou que, grazas á aceptación destas melloras propostas pola Xunta, “en Ourense contrataranse a 16 persoas para que os GES de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión acaden os 12 efectivos. Incrementarase tamén o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova. Ademais, actualizarase o financiamento destinado aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013 cun incremento de 40.000 euros por GES, un 16% máis nos gastos de persoal ata acadar, en global, os 320.000 euros anuais por grupo”.  

As melloras previstas para renovar o convenio de 2018 que vence este ano, e que ata agora se viña renovando de forma conxunta desde a posta en marcha dos GES, aplicaranse só nos 12 GES da provincia ourensá. Plácido Álvarez agradeceu ao goberno autonómico “o seu compromiso e apoio económico que nos permite ofrecer un servizo de calidade e atender ás emerxencias da nosa provincia como merece a nosa veciñanza”.