
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo desenvolvido na piscifactoría do Carballiño para garantir a conservación da fauna dos ríos galegos, así como para divulgar a riqueza ambiental do noso patrimonio natural. Ángeles Vázquez visitou hoxe este centro autonómico, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil; o deputado ourensán no Parlamento galego, Argimiro Marnotes, e o presidente da Sociedade de Pesca, Alfonso Carballeda, que foron recibidos por Carlos Miguélez, director da piscifactoría.
A conselleira incidiu no importante labor que realiza o persoal da piscifactoría na cría de variedades de troita dos ríos galegos. Nese senso, cómpre indicar que as troitas dos ríos da provincia de Ourense contan cunha gran variabilidade xenética, polo que é fundamental contar con exemplares reprodutores para garantir a repoboación das augas fluviais.
Ademais, o persoal do centro tamén realiza unha importante función de coidado da fauna piscícola libre. Segundo explicou Ángeles Vázquez, cando chega o verán hai exemplares que quedan atrapados en charcas, que son liberados e reintroducidos augas arriba para evitar que morran.
A maiores, a conselleira fixo fincapé no compromiso da piscifactoría coa divulgación e sensibilización ambiental tanto de escolares como da poboación en xeral. De feito, cada ano son numerosas as solicitudes que reciben tanto de centros educativos para que impartan actividades de educación ambiental como de grupos de cidadáns interesados en coñecer o traballo diario do centro.