Viaqua impulsará a contratación de persoas con discapacidade en Galicia grazas á súa adhesión ao programa Inserta da Fundación ONCE
O acordo reforza a aposta conxunta pola sostibilidade, a inclusión social e o emprego de calidade no sector da auga e o medio ambiente
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025.– O director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, e o conselleiro delegado de Viaqua, Javier Díez, asinaron un Convenio Inserta para promover a contratación de persoas con discapacidade no grupo de xestión integral do ciclo da auga e do medio ambiente durante os próximos tres anos.
Segundo destacou Javier Díez, “o noso compromiso coa inclusión e a ocupación de persoas con discapacidade é unha realidade que foi avanzando ao longo dos anos”. Neste sentido, Díez sinalou que 62 persoas con discapacidade forman parte do equipo humano das sociedades do grupo Veolia, do que Viaqua forma parte, unha cifra que supera o mínimo esixido pola normativa legal, fixado actualmente en 37 persoas. “Convenios como este son os que nos axudan e nos motivan para seguir traballando pola diversidade e a inclusión na contorna laboral”, subliñou Javier Díez, quen agradeceu á Fundación ONCE “a súa aposta pola sostibilidade e o desenvolvemento do talento dentro do sector da auga e o medio ambiente”.
Pola súa banda, José Luís Martínez destacou a importancia que ten para a Fundación ONCE asinar un acordo cun grupo encargado de xestionar a auga coas máximas garantías de eficiencia. “Este convenio é importante porque vai supoñer a contratación de persoas con discapacidade, pero tamén porque reafirma o compromiso da Fundación ONCE coa sostibilidade e o medio ambiente”, asegurou.
Viaqua contará con Inserta Emprego, a entidade para a formación e o emprego da Fundación ONCE, para cubrir novos postos de traballo que demande a compañía, preseleccionar as persoas candidatas que mellor se axusten ao perfil requirido e impartir formación á medida que lles permita desempeñar as tarefas asignadas.
Este convenio implica a adhesión de Viaqua ao Foro Inserta Responsable, unha plataforma de traballo en rede e innovación social que permite compartir prácticas, ferramentas e experiencias que favorezan o eficaz desenvolvemento das políticas de inserción laboral de talento con discapacidade.
Viaqua reforza o seu compromiso coa inclusión e a sostibilidade en Galicia Viaqua, empresa galega líder na xestión do ciclo integral da auga, consolida o seu papel como referente en sostibilidade, innovación e compromiso social en Galicia. Integrada no grupo Veolia, líder global na xestión eficiente da auga e dos recursos, Viaqua presta servizos de subministración, saneamento e depuración en múltiples municipios galegos, contribuíndo á mellora da calidade de vida da cidadanía e ao coidado do medio ambiente.
Cunha traxectoria marcada pola excelencia e a dixitalización, Viaqua non só destaca pola súa xestión técnica, senón tamén polo seu firme compromiso coa inclusión social. Nesta liña, a compañía deu un novo paso ao adherirse ao acordo de colaboración que promove a formación e o emprego de persoas con discapacidade, iniciativa impulsada por outras sociedades do grupo Veolia como Aquara e Aquona desde 2022.
Grazas a esta alianza, máis de 60 profesionais de atención ao cliente xa recibiron formación específica en materia de discapacidade, mellorando a atención inclusiva e a sensibilización dentro dos seus equipos. Coa recente incorporación de Viaqua a este proxecto, agárdase reforzar aínda máis estes avances e ampliar o seu impacto en Galicia, estendendo as boas prácticas en inclusión a todos os territorios do norte de España onde opera o grupo Veolia.
Fundación ONCE e Inserta Emprego
A Fundación ONCE é a principal entidade social española que traballa pola plena inclusión das persoas con discapacidade mediante o desenvolvemento de iniciativas e programas nos eidos do emprego, a formación, así como a accesibilidade e o deseño para todas as persoas, co fin de impulsar contornas, produtos e servizos globalmente accesibles.
Así, a Fundación ONCE puxo en marcha a organización Inserta Emprego, que é a entidade de recursos humanos experta na atención ás persoas con discapacidade e que centra a súa actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e cun equipo de expertos en orientación e intermediación, repartido polas súas 52 oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar emprego, fórmaas se é necesario, e ofrece ás empresas as mellores candidatas e candidatos para os postos que necesitan cubrir. Todo isto sen custo ningún.
A actividade de Inserta Emprego enmárcase nos programas estatais FSE+ de ‘Emprego Xuvenil’ (CCI 2021ES05SFPR001) e de ‘Inclusión Social, garantía infantil e loita contra a pobreza’ (2021ES05SFPR003) e no programa ‘FSE+ Comunidade Autónoma de Canarias’, (CCI2021ES05SFPR009), que está desenvolvendo a Fundación ONCE a través de Inserta Emprego, coa cofinanciación da Unión Europea para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.