Afundación, ABANCA e o Concello de Barbadás asinan un convenio para amosar «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel»

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I A exposición inaugurarase o vindeiro 24 de abril na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás

I Está enmarcada en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación

14.04.2025. O Concello de Barbadás, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, rubricaron hoxe un convenio para amosar «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel». Na sinatura estiveron Xosé Carlos Valcárcel, alcalde do Concello de Barbadás; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

As imaxes están dispoñibles aquí.

«Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel» inaugurarase o vindeiro 24 de abril e permanecerá aberta ata o 25 de maio na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 h e de 16.00 a 20.00 h. Está incluída no proxecto «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación.

Nesta terra de emigrantes e peregrinos sabemos mellor ca ninguén da importancia vital da viaxe, un percorrido físico que implica, en paralelo, unha reflexión interior sobre os nosos valores, a nosa identidade e as nosas necesidades. Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que teñen a súa correspondencia no labor social de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.

«Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos atinxen a todas as persoas do mundo.

Á súa vez, esta exposición realiza a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa «Corrente cultural», que permite a Afundación programar actividades culturais, grazas á colaboración cos concellos e con ABANCA.

Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel se nos fala de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel, e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.

«Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes ―O Tíbet, Senegal, México e Galicia―, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino.