“A realidade amosa que os e as beneficiarias deste servizo de comida a domicilio deberían ser máis polas solicitudes xa presentadas”, expón a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González
“Propoñemos que restauren o convenio coa Xunta para financiar os gastos que se derivan da elaboración e tramitación, que estivo en vigor ata a súa chegada ao executivo municipal”, engade sobre os custes derivados do PXOM
Ourense, 15 de xullo de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense esixen ao executivo municipal que inste ao goberno autonómico a asinar unha addenda do convenio coa Xunta de Galicia para a prestación do servizo de Xantar na Casa, podendo dar resposta dese modo ás 9 persoas que se atopan en lista de agarda e ás novas usuarias e usuarios que o poidan precisar.
“En Ourense xa hai actualmente 62 persoas adscritas a este programa de comida a domicilio co que se pretende garantir unha alimentación adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes da nosa cidade. Pero a realidade amosa que os e as beneficiarias do servizo deberían ser máis polas solicitudes xa presentadas”, expón a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González, logo da Xunta de Área de Servizos Sociais que tivo lugar esta mañá.
Neste senso, sinalan as e os socialistas que, contra o que afirma o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o servizo ten unha alta demanda na cidade “malia a escasa publicidade que del se fai” e que urxe habilitar crédito para cubrir a demanda que do mesmo se percibe.
Por outra banda, durante a Xunta de Área de Urbanismo, o equipo de goberno confirmou que, despois de prescindir del, agora volve requerir os servizos do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que elaboren un informe “a medida” sobre os requerimentos da Xunta e o proxecto enviado polo Concello de Ourense.
“Propoñemos que restauren o convenio coa Xunta para financiar os gastos que se derivan da elaboración e tramitación que estivo en vigor ata a súa chegada ao executivo municipal”, remata reclamando a voceira.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González: