A iniciativa para a construción dun pavillón multiusos e designación de Ourense como capital da ximnasia deveu unha moción conxunta do pleno, e a defensa dos menores logra un apoio unánime.
Para Vila, “o consenso amplo que suscitan as nosas propostas demostran que o diálogo e o traballo rigoroso logran facer avanzar proxectos importantes para a provincia”.
Os deputados Aurentino Alonso e Elvira Lama renuncian aos seus escanos cumprindo así co acordo de renovación comprometido polo Grupo Provincial Socialista ao inicio do mandato.

Ourense, 24 de xullo de 2025. O Grupo Provincial Socialista logrou a aprobación das dúas mocións que presentou no pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado este xoves, consolidando a súa capacidade para impulsar proxectos que benefician ao conxunto da provincia. A moción para a construción dun pavillón multiusos de ximnasia e o recoñecemento de Ourense como capital da ximnasia de Galicia acadou tal grao de consenso que mesmo se converteu nunha proposta conxunta trala adhesión de PP, BNG e DO.
Baixo o impulso da Deputación, a proposta busca promover unha meirande cooperación entre administracións para concretar compromisos e prazos sobre un proxecto comprometido hai xa máis dunha década pola Xunta. O voceiro socialista, Álvaro Vila, lembrou que “a Xunta de Galicia comprometeu xa en 2014 un orzamento estimado en tres millóns de euros para esta infraestrutura, pero esta promesa de longa data permanece incumprida máis dunha década despois, chegando xa o momento de que todas as administracións concernidas se coordinen para resolver esta carencia histórica”.
Pola súa banda, a iniciativa sobre colaboración cos clubs deportivos para a aplicación do protocolo de protección de menores no deporte foi aprobada por unanimidade de toda a corporación provincial. A moción céntrase no rol motor que ten que xogar a Deputación de Ourense para, a través da colaboración cos clubs deportivos, aplicar de xeito efectivo o protocolo de protección de menores no deporte aprobado pola Xunta en maio de 2024.
Vila explicou que “a administración autonómica non ten proporcionado axuda suficiente aos clubs para a implantación efectiva do protocolo, limitándose a unha sesión de formación de escasas horas”. Para paliar as eivas actuais e avanzar cara a efectiva defensa dos máis cativos, esta proposta propón incorporar accións específicas ao programa OU DS Axenda 2030 para desenvolver plans de formación para clubs e establecer mecanismos de seguimento e avaliación.
O voceiro socialista, valorou moi positivamente os resultados do pleno e destacou que “é unha gran satisfacción comprobar que as nosas propostas construtivas, baseadas no interese xeral da provincia e non en estratexias partidistas, teñen a capacidade de xerar consensos tan amplos que o resto de grupos se adhiran ás mesmas”. Para este, “o PSdeG-PSOE ten demostrado ao longo deste mandato a súa capacidade para presentar iniciativas rigorosas, ben fundamentadas e orientadas ao benestar da cidadanía ourensá, logrando o apoio do resto de formacións”.
Renovación na bancada socialista
O pleno tivo como primeiro punto da orde do día a renuncia de dous deputados socialistas, Aurentino Alonso e Elvira Lama, nun acto que responde ao cumprimento do acordo alcanzado ao inicio do mandato dentro do Grupo Provincial Socialista sobre a renovación dos representantes. Ámbolos dous deputados cesantes realizaron emotivos discursos de despedida nos que destacaron o orgullo que supuxo para eles servir como representantes públicos na Deputación de Ourense e a súa constante labor a prol da provincia e das súas comarcas de referencia.
Alonso, tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, destacou que “durante este tempo procurei sempre defender os intereses do rural ourensán e das xentes de Valdeorras, porque entendo que a política debe estar ao servizo da cidadanía e non ao revés, e confío en que o traballo realizado contribúa ao desenvolvemento da nosa terra”. Lama, primeira muller en acceder á alcaldía de Xinzo de Limia, sinalou que “ser deputada provincial foi un privilexio que me permitiu coñecer de primeira man as necesidades e aspiracións de toda a provincia, pero sempre co corazón posto na miña comarca”.
Ámbolos deputados cesantes recibiron o recoñecemento de todos os grupos da corporación pola súa dedicación e traballo durante o tempo que exerceron as súas responsabilidades públicas. O seu xefe de filas, Álvaro Vila, louvou e agradeceu “a entrega e o compromiso demostrado por Aurentino e Elvira ao longo deste período, así como a súa xenerosidade ao cumprir cos acordos de renovación adoptados, permitindo a outros perfís aportar novas ideas e azos á institución provincial, e demostrando que o PSdeG-PSOE antepón sempre o interese xeral aos intereses particulares”.