A Deputación de Ourense cancela o acto da Ourensanía polas restricións do COVID-19

A Deputación de Ourense cancela as actividades previstas para o 11 de novembro, xornada na que se conmemora o día de San Martiño, patrón de Ourense, e entre elas, a máis significativa: a tradicional celebración da Ourensanía, que ten lugar anualmente no Teatro Principal. As restricións polo COVID-19 obrigan a tomar esta determinación en aplicación da normativa para a prevención da pandemia, o cal afecta tamén ás reunións das xuntas de goberno e de portavoces, ás comisións informativas e ás sesións plenarias, que a partires de agora e ata novo aviso realizaranse por videoconferencia, así como as roldas de prensa do Pazo Provincial, que deberán cubrirse por redactores e gráficos, exclusivamente por streaming a través da páxina web da Deputación de Ourense. 

Desta maneira, o acto de entrega do premio Ourensanía 2020 á doutora María Neira adíase e fixarase unha data posterior para outorgarlle o galardón. A directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS foi distinguida con este galardón, unha decisión que o xurado do premio tomou por unanimidade, destacando o gran labor que a doutora Neira vén desenvolvendo no ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia desde a sede central en Xenebra (Suiza).  

AVANTAR ACTIVIDADES

A resolución disposta hoxe pola Presidencia da Deputación sinala textualmente: 

Celebración de sesións dos órganos colexiados polo sistema de videoconferencia. 

Na data 25.10.2020, vén de publicarse no BOE núm. 282 de data 25.10.2020, o Real Decreto 926/2020, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2. Como indica a propia exposición de motivos deste Real Decreto, as medidas previstas na presente norma encádranse na acción decidida do Goberno para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar os sistemas sanitarios e socio-sanitarios. As medidas temporais de carácter extraordinario que xa se adoptaron por todos os niveis de goberno deben agora intensificarse sen demora á vista da evolución da epidemia para previr e conter os contaxios e mitigar o impacto sanitario, social e económico. 

De xeito paralelo, e unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, a Xunta de Galicia na súa condición de Administración Pública competente, ven de dar publicidade mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que estende os seus efectos ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020. 

Por Real Decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo (BOE núm. 91 de data 01.04.2020), polo que se adoptaron medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, engadiuse un apartado terceiro ao artigo 46 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, coa seguinte redacción: “…3. En todo caso, cando concorran situacións excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo, ou catástrofes públicas que impidan ou dificulten de maneira desproporcionada o normal funcionamento do réxime presencial das sesións dos órganos colexiados das Entidades Locais, estes poderán, apreciada a concorrencia da situación descrita polo alcalde ou presidente ou quen validamente lles substitúa para o efecto da convocatoria de acordo coa normativa vixente, constituírse, celebrar sesións e adoptar acordos a distancia por medios electrónicos e telemáticos, sempre que os seus membros atópense en territorio español e quede acreditada a súa identidade. Así mesmo, deberase asegurar a comunicación entre eles en tempo real durante a sesión, dispoñéndose os medios para garantir o carácter público ou secreto das mesmas segundo proceda legalmente en cada caso. Para os efectos anteriores, considéranse medios electrónicos válidos as audio-conferencias, videoconferencias, ou outros sistemas tecnolóxicos ou audiovisuais que garantan adecuadamente a seguridade tecnolóxica, a efectiva participación política dos seus membros, a validez do debate e votación dos acordos que se adopten”. 

Polo exposto, dispoño: Primeiro: Ordenar que mentres se manteñan as circunstancias de grave risco colectivo previstas no artigo 46.3 da LRBRL, as sesións dos diferentes órganos colexiados da Deputación de Ourense (en particular do pleno, xunta de goberno, xunta de portavoces e comisións informativas permanentes), se celebren por medios electrónicos ou telemáticos polo sistema de videoconferencia. Segundo: Dar conta da presente resolución aos grupos políticos provinciais e á Área de Transparencia e Goberno aberto, aos efectos oportunos.