A Xunta de Galicia está a executar este ano un total de 60 actuacións en centros educativos da provincia de Ourense cun investimento global de máis de 5 millóns de euros, segundo avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao Instituto Instituto Eduardo Blanco Amor, na capital ourensá.
O titular do departamento explicou que están en marcha oito intervencións de gran envergadura, que inclúen ampliacións en colexios e institutos, así como reformas estruturais. Ademais, como é habitual durante os meses de verán, estase a aproveitar o período non lectivo para levar a cabo outras 52 melloras de menor entidade, centradas principalmente en traballos de mantemento e reparación.
No que atinxe ás obras de maior calado, actualmente en execución e con continuidade prevista nos próximos meses, a Xunta impulsa oito proxectos que suman un investimento de 4,7 millóns de euros. Entre eles destacan, ademais da ampliación do Instituto Blanco Amor (un millón de euros), outras tres intervencións principais que concentran preto de 3,2 millóns de euros: as ampliacións do Instituto Manuel Chamoso Lamas, no Carballiño (cun orzamento de 2,3 millóns de euros), e do Colexio CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía (con 355.000 euros), así como a renovación da cuberta do Colexio Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, cun investimento de case 600.000 euros.
Pola súa banda, as actuacións menores, que tamén son fundamentais para o funcionamento diario dos centros, enmárcanse no Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025). Ao longo deste verán está previsto realizar 52 obras por un valor de máis de 500.000 euros, repartidas en 27 concellos da provincia.