Ourense reunirá o 6 de febreiro aos presidentes provinciais de toda España

O Marcos Valcárcel acollerá a Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP

Manuel Baltar, impulsor deste encontro na cidade, sinala que “Ourense reforza o seu liderado no traballo en rede a través dunha comisión coa que se converterá na capital do poder provincial español”

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación incide no valor dunha reunión que reivindica o peso específico dos gobernos intermedios, “administracións esenciais dentro desta potente alianza cos concellos que permite avanzar na excelencia dos servizos públicos”

Ourense, 7 de xaneiro de 2023.- Ourense acollerá o 6 de febreiro deste ano á Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o órgano da entidade municipalista que reúne a todos os presidentes dos gobernos provinciais de España.

Esta reunión nace a proposta do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, sendo ratificada o 3 de outubro do 2022 na Comisión celebrada en Cáceres. A de Ourense será a última que se celebre antes das eleccións municipais do próximo 28 de maio.

Manuel Baltar destaca a importancia dunha comisión coa que “Ourense reforza o seu liderado no traballo en rede, unha forma de traballar clave para este goberno provincial no ámbito español e europeo, e que xa nos está ofrecendo importantes froitos de progreso”. Ademais, explica, acoller a Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares converterá “a esta provincia na capital do poder provincial español”.

O presidente da Deputación de Ourense incide no valor dun encontro que reivindica o papel das provincias como “eixos vertebradores do territorio” e o peso específico dos gobernos intermedios, “administracións esenciais e que, a través da colaboración económica, xurídica e técnica, impulsan aos concellos nunha alianza que permite avanzar no camiño da excelencia na prestación dos servizos públicos aos veciños”.

“Na nosa aposta polo municipalismo e a capilarización territorial”, explica Manuel Baltar, “acoller esta reunión é un orgullo e un novo paso na consolidación de Ourense como unha peza crave e referencia dos gobernos intermedios en temas da máxima importancia para o progreso territorial”.

“Esta reunión é unha nova oportunidade para demostrar a importancia da cooperación e a colaboración”, valora o presidente da Deputación antes de resaltar que, “moi por encima de calquera interese partidista, o medio centenar de integrantes desta comisión estamos unidos na defensa dos territorios, a procura de oportunidades e o reforzo dos servizos públicos”.

O plenario celebrarase no Marcos Valcárcel

O plenario da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP celebrarase o 6 de febreiro a partir das 12,00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Previamente, a xornada comezará coa recepción dos asistentes (09,30 horas) e as reunións preparatorias dos grupos, que se celebrarán no Pazo Provincial antes da rolda de prensa para atender aos medios de comunicación.

Nesta comisión están integrados o medio centenar de presidentes provinciais de España. O presidente é Francisco Reyes -presidente da Deputación de Xaén, do PSOE- e o seu vicepresidente é Javier Aureliano García -presidente da Deputación de Almería, do PP-.

Este órgano da FEMP orienta a súa actividade principal cara ao “reforzamento da singularidade institucional propia dos gobernos locais intermedios, como responsables e garante das competencias municipais de cada provincia”. Entre os seus obxectivos principais atópase o impulso das iniciativas necesarias para “definir e recoñecer o marco competencial das deputacións provinciais, cabidos e consellos insulares” ou a potenciación do papel das deputacións na “prestación de servizos intermunicipais”.